Eu son… o Pico

pico 1Xosé Manuel Lobato. Alborexar primixenio, sobre un enredo espectacular e inmemorial de astros danzantes.

Balcón sorprendente, dende onde a ousadía consegue relación entrañable co cénit místico.

Cantor de murmurios, sons afastados e illados que transportan ata o dédalo da historia.

Dama venturosa, soñadora de inocencia e imaxinación precoz ata acadar o enxoval feliz.

Espírito diabólico, raptor de testemuñas na ultratumba para enxergar un profundo frescor.

Fascinación latente, unha coroación onírica e misteriosa que brinca coa gnose humana.

Gozo dos sentidos, variedade e diversidade de sensacións para unha heteroxénea ollada.

Habilidade mutante, extraviado nun universo irreal emerxe dende as tebras a icona única.

Impoñente sobriedade, dunha liñaxe de efluvios cascarolo que consegue un karaoke eólico.

Kharxa derradeira, asubío rimado e bambeado que transcribe unha  loa encantada.

pico 2Labirinto sen par, senda nunha profunda escala que acada un chafariz de medos ancestrais.

Murmurio constante, dunha flora e fauna de grande interese para unha natura idílica.

Novelesco romance, intrigas e paixóns desenfreadas para o senlleiro ñu sedentario.

Ñáñaras no horizonte, vagalumes acaparadoras dunha excepcional e pulcra ollada nocturna.

Obstinación salubre, vates e patriarcas coa súa inspiración acadaron o profético cumio.

Podio poético, a visión desa natureza sen par acada a éxtase dunha querenza exemplar.

pico 3Quimérico lendario, sempre na procura dos pousos da acordanza ata o relucente altivo.

Resoador profundo, continxente de abraiante caos sonoro ata lograr o silente no acougo.

Sagrado na xolda, esmorga na que troulean mouras e mouros na procura tenaz de xustiza.

Tanxencial no trivial, aínda que pola súa transcendencia é considerado emblema universal.

Unitivo acaparador, a súa atracción no ten parangón mentres retella o verso disperso.

Valedor do pobo, o gran referente dunha cultura que ten por ara o xenio da natura.

Xasmín da contorna, dende o máis afastado atrae intenso arrecendo nun zunido harmónico.

Zalema agarimosa, dúas ducias para un monte encantado e idílico sen par.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *