De nenos e gaivotas

nenosMaxi Olariaga. As gaivotas levan o ar nas ás e no ar navegan os soños destes cativos arqueólogos que responden ao atavismo do sangue e da suor. O pai anda ás fanecas nas pedras da Creba e a nai vende o peixe na Praza da Fanequeira. Os raparigos imitan o seu pai e derruban os labirintos das miñocas. Na súa procura atopan berberechos, ameixas e navallas. Non saben da dor nas costas nin do gorgolexo na escuridade morna do intestino. Para eles o marisqueo é aínda unha brincadeira e o raño a espada dos descendentes do heroe Breogán. Xogan a ser pai e nai e estudan na salgada escola do mar. A baixamar, abafada pola aperta do vento, anda a rizar os seus cabelos de xeito que as gaivotas fachendosas non poden enfeitarse fronte ao seu espello, decote puído coma o ventre dondo dunha serea. Os cestos baldeiros agardan coa boca aberta alimentar o seu esqueleto de vimes. Alén, o horizonte semella un borrancho da caligrafía do Bo Deus na natureza, e a paz sostén os piares dese mundo en miniatura que contén todo o que se pode achar no universo. Andan os raparigos nos brazos da soidade coma se fosen os únicos habitantes deste mundo. Poderíase dicir que ninguén estaba nesa praia para tirar a fotografía. Esta máis ben semella a puga brillante dunha árbore sideral que veu caer na miña porta co vaivén dunha choiva de pétalos de rosas sobre as almas dos inocentes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *