A chamada da Natureza

un paseoPedro García Vidal. Da lectura de novas relacionadas co tráxico terremoto de Nepal, chámame a atención toda esa cantidade importante de persoas anónimas que, nun momento determinado da súa vida, abandonando todo, afástanse do mundo confortable no que viven na procura de algo que os satisfaga no persoal. Neste caso, as montañas do Himalaia semellan ser as que provocaron ese efecto chamada a centos de occidentais sorprendidos nas súas abas. A pregunta que me fago é por que a Natureza ten ese poder de atracción ante o desacougo persoal? Nun libro e nunha película trato de atopar respostas.

Acudo en primeiro lugar a Thoureau (1817-1862), escritor e filósofo naturalista americano. Leo Un paseo invernal, unha pequena alfaia publicada en castelán pola editorial Errata Naturae, e achégome á obsesión polo salvaxe do autor. Este pequeno libro preséntanos a Thoureau en estado puro, aquel que predicaba que “todo o bo é salvaxe e libre”, e que el mesmo experimentou esa comunicación coa Natureza “benfeitora e amiga”que describe na súa obra máis coñecida Walden.

Pero se ben a Natureza, sinala Thoureau, posúe ríos que son como “sendeiros para o home que se busca a si mesmo”, de cuxos bosques “chegan os tónicos e os bálsamos que revitalizan á humanidade”, que supón a “liberdade absoluta”, e da que pode extraerse unha “enerxía espiritual estritamente proporcional ao inhóspito da paisaxe”, tamén é certo, dinos o mesmo autor, nos lugares máis agrestes desa Natureza, como pode ser o caso do Himalaia, “merece respecto” pois “está dotada da inocencia máis robusta”.

hacia rutasArredor destas ideas de Thoureau, o actor Sean Penn, vai demostrar os seus dotes de director de cine no notable filme Cara a rotas salvaxes (2007), cinta que pasou inxustamente desapercibida, na que se relata a fuxida da sociedade dun mozo, graduado na universidade, que vai buscarse a si mesmo na máis hostil natureza das inhóspitas terras de Alaska. Unha das fontes de inspiración do protagonista da película era precisamente Henry David Thoureau, do que seguiu as súas ideas demasiado ao pé da letra, case con fervor relixioso, ignorante de que non existe a verdade absoluta. A arriscada aventura de sobrevivir a unha Natureza salvaxe e cruel conduce a unha dura loita pola supervivencia que ás veces, como é o caso, remata dun xeito tráxico.

Conclúo: Seguir ao pé da letra as ideas de Thoureau pode resultar letal, porén algunhas persoas, como ocorre co protagonista da película,  están dispostas a pagar esa peaxe (vencido pola Natureza amiga, pero non sen antes estar próximo ao máis parecido á plenitude como ser humano); por iso ao mesmo tempo penso, que esa devoción fanática á Natureza pode ser tamén proba de egoísmo e crueldade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *