Outra volta por Grecia

Referendum campaign posters that reads "No" and "Yes" in Greek are seen on a bus stop in AthensGonzalo Trasbach. Os ingleses non poden comprendernos: Os gregos estamos en bancarrota xa hai moito tempo. Isto foi o que lle dixo o poeta Constantino Cavafis (Alexandría, 1863; Atenas, 1933) ao escritor Edward Morgan Forster (Inglaterra, 1879-1970) nunha das moitas conversas que ambos os dous mantiveron. Non obstante, polo que levamos lido ou temos escoitado durante estas semanas sobre o pulso entre a UE e goberno grego, a case absoluta maioría dos medios de maior impacto entre nós, non só os entendemos, senón que sabemos como son, o que lles pasa e convén, e tamén o que lles ocorrerá despois do referendo do pasado domingo, se este non é favorable ás directrices da troika. Escribo isto sen coñecer o resultado da consulta. Pero, eu, se puidese, votaría non.

Impórtannos os gregos? Tal como se preguntaba nun formidable artigo Enrique Clemente na Voz de Galicia do pasado día 28. A nós nunca nos importaron os habitantes dese pequeno país do Mediterráneo. Nós o que temos é medo de que nos fagan o mesmo que lles fixeron a eles. Isto por un lado e, polo outro, están os voceiros dos xerarcas europeos, que nos dan a chapa con seus discursos maniqueístas: pretenden convencernos de que os líderes da UE teñen razón, e os outros son uns chourizos e uns perversos dilapidadores. grecia 2Repito: eu tería votado non. O que estaba e está en xogo non é o que nos din. Isto cóntano, entre outros, algúns economistas norteamericanos que recibiron o premio Nobel. Non se trata dunha pelexa económica, nin dunha guerra de cifras. É unha batalla política. O que non quere de ningunha das maneiras a UE é que en Atenas goberne xente que non é da súa corda. O que quere a troika é derrocar o goberno que preside Tsipras e o seu profeta Varoufakis (Barreiro Rivas, dixit). Este, e non outro, é o miolo dunha ecuación que non parece ter unha solución enteira. Humillar e castigar. O plan da UE ten un manifesto carácter punitivo: nunca debemos esquecer nin subestimar o resentimento dos ricos (poderosos) cara á insolencia dos pobres, segundo recomenda o Comité Invisible.

Como explicar entón esa alegría coa que a case totalidade dos medios recibiron o anuncio do “corralito” grego?  E a que se debe ese bombardeo de insultos e desprezos que despregaron sobre un país esgotado e empobrecido e ao que só parece que lle queda como saída dicir non a unha nova humillación? Pero todo isto fala da nosa categoría moral, da nosa nobreza, do noso valor. Da coraxe duns medios que traballan para UE, entidade pouco partidaria de que entre nós triunfen agrupacións políticas semellantes a Syriza, non é así? Pode haber algo máis ético que o rexeitamento a deixarse rapar coma años?

Segundo predicaba Milton Friedman, só unha crise, xa sexa real ou percibida, xera un cambio radical nunha sociedade. Neste senso, a actual crise grega ten coma finalidade producir un xiro vital entre os habitantes do país heleno. Como lembrarán Atenas foi escenario dunhas duras revoltas encadeadas que desembocaron case na queima do parlamento.grecia 3 No ano 2010, a Unión Europea, o Banco Mundial e o FMI, de común acordo co entonces goberno socialista, emprenderon a tarefa de “facer pagar” a Grecia por esas revoltas imperdoables. Decidiuse pasar polo aro ao país enteiro por medio dunha serie de medidas “económicas” dunha violencia aproximadamente igual, pero graduada no tempo, á violencia das revoltas. A estas alturas da película, case todos (agás os voceiros da troika) sabemos os resultados do programa que se lles impuxo aos gregos: descenso do 25% do PIB nacional e unha taxa de paro xuvenil que alcanza o 60%.

E aínda que os nosos ilustres expertos miren para outro lado, era de dominio público que no 2010 o director do Elstat, o instituto grego de estatística, pouco despois de ser nomeado comezou a falsificar sen descanso as contas da débeda do país para agravalas con propósito de xustificar a intervención da troika. É un feito, pois, que a <crise das débedas soberanas> foi lanzada por un home que era por entonces un axente oficialmente pagado polo FMI, ente que supostamente <axudaba> os países a saír da crise. Pero do que se trataba era de experimentar a gran escala, nun país europeo, o proxecto neoliberal, da completa remodelación dunha sociedade, os efectos dunha política de axudas.

Ao contrario do que se di, a depresión de masas que abate actualmente os gregos é o produto “desexado”, buscado deliberadamente, polo programa de propostas da troika. Cando se divide á metade a paga dos funcionarios, alégase que tamén se podería deixar de pagarlles a totalidade. E isto é así, porque todo vale para manter unha inseguridade existencial crónica. Que sentimos nós cando hai uns días o presidente do Banco de España dixo que máis cedo que tarde haberá que recortar as prestacións das nosas pensións? E por que ao día seguinte, o Goberno respondeulle que non se tocarían? E vostedes a quen cren, que pensan que farán?

Hai que insistir nunha serie de cuestións que os nosos analistas manexan ilicitamente. Case nada da enorme cantidade de diñeiro prestada a Grecia foi parar a solo heleno. Serviu para pagar os acredores privados, incluídos os bancos franceses e alemáns. Aló só chegou unha miseria. grecia 4E aínda que si era certo que o goberno gastou máis aló das súas posibilidades até finais da década do 2000, tamén o é que, despois podou rapidamente o gasto público e incrementou a recadación fiscal. No tocante ás pensións, no 2011 por imposición de Bruxelas, Atenas rebaixounas entre o 20% e o 40%. No 2012, engadiuse outro recorte adicional de entre o 5 e o 10%. De feito, seis de cada dez pensionistas gregos gañan menos de 700 euros. Pero os acredores e os seus voceiros esgrimen que as pensións acaparan o 16,2% do PIB. Este dato está trucado. Se os resultados económicos fosen outros. Se en vez de experimentar unha caída do 25%, a economía crecera, entón as pensións só serían o 12,1% do PIB, porcentaxe inferior á media europea. Non é só que se negue a asumir a súa responsabilidade, nin que tampouco queira recoñecer que as súas previsións e modelos eran equivocados, é que a mesma Troika sabía e sabe que Grecia non podía nin pode cumprir as súas condicións. E tamén sabía e sabe que nunca será capaz de facer fronte a súa monumental débeda. Pero isto non lle importa. Porque o que se persegue é obrigar a Grecia a ceder e aceptar o inaceptábel.

Convén lembrarlles aos nosos demócratas comentaristas e columnistas que alardeen menos, porque a UE non é precisamente unha entidade moi democrática. Ningún goberno consultou os seus cidadás cando se aprobou a súa constitución: a moeda única e o BCE. Só o fixo Suecia e o resultado do referendo foi non. No tocante ao ton apocalíptico que acostuman a empregar cando escriben ou falan, diríalles aquilo do Comité Invisible: <”Nada hay más viejo que el fin del mundo”. La pasión apocalíptica no ha dejado de obtener, desde tiempos muy remotos, el favor de los impotentes>. Aínda que moi probablemente o mesmo Cavafis nos soltase a todos cun sorriso: <Agora, polo menos, xa podemos entendernos, porque tamén vostedes están en bancarrota>.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *