Charlotte

charlote1Xerardo AgraFoxo. Este libro conta a tráxica vida de Charlotte Salomon, unha pintora berlinesa de orixe xudía que faleceu en Auschwitz canto tiña 26 anos e estaba embarazada. Unha historia como tantas outras sucedidas durante a II Guerra Mundial, pero que neste caso conta cun par de alicientes salientables. O primeiro é como Foenkinos nos tece a peripecia vital desta pintora a base de frases curtas, coma se escribise versos libres, que lle obriga ao lector a concentrarse nunha escrita onde só vale o estritamente necesario, sen ningún alarde literario que puidese ocultar o drama de Charlotte. O segundo, é como soubo  Foenkinos desta excepcional muller a través dunha exposición pictórica, e como el se vai mergullando nun drama que coñece –só en parte– porque a pintora deixou un manuscrito que titulou: Vida? ou Teatro?, e, deste xeito, o autor interrompe varias veces o relato para explicarnos como realiza as súas pescudas e como vence as vacilacións que tivo nos últimos oitos anos de investigación.

charlote2Con esta obra –tamén é autor de La delicadeza, levada ao cine no ano 2011 por seu irmán Stephane e interpretada pola escuálida Audrey Tautou–, David Foenkinos gañou o Premio Ranaudot, o Goncourt des Lycéens e leva vendidos en Francia máis de 400.000  exemplares. Charlotte non só é unha novela comprometida, onde a sinxeleza do estilo narrativo  non renxe coa calidade das súas páxinas, tamén é un relato no que nós participamos como observadores privilexiados dunha vida truncada pola intransixencia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *