Timbuktú, de Abderrahmane Sissakko

timbutu1Xerardo AgraFoxo. Esta película mauritana, baseada en feitos reais, conta a historia duns personaxes reprimidos por extremistas relixiosos na cidade de Tombouctú. O protagonista, Kidane, vive coa súa muller, Satima, e a súa filla Toya, nunha haima cinguida por un mar de dunas e a carón dun río que alimenta o seu gando, coidado por un neno chamado Issam. Pero este ambiente de paz e acougo é esnaquizado pola presenza dun grupo de yihadistas que intentan impoñer a sharía pola forza das armas. Non só prohiben o fútbol e a música, tamén rir e fumar. Cada día o seu terror é máis evidente: as mulleres perden a súa dignidade e os homes vense acosados polos tribunais islámicos. A morte accidental dun pescador, mentres se pelexaba con Kidane por culpa dun problema coa súa vaca favorita, GPS, será o punto de inflexión dunha historia onde o fanatismo adquire súa maior crueza.

timbutu2Timbuktú ou A tristeza dos paxaros (2014) –candidata ao Óscar como mellor filme estranxeiro e a sete Césares, entre outras mencións, como mellor director e mellor película–,  é unha peza dunha insultante claridade porque mostra como a intransixencia relixiosa avanza paseniño cara ás nosas fronteiras. Cun estilo sinxelo, unhas imaxes arrepiantes e cun calculado dramatismo, no que se mesturan diversas historias, asistimos lentamente, tal como é a vida nos desertos, a unha auténtica lección de cine comprometido.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *