A fascinación do vaqueiro

warlock 1Antón Riveiro Coello. Cando eu era rapaz e vivía nas Casas Baratas de Xinzo, un dos xogos preferidos era o de indios e vaqueiros. O noso mundo estaba nesas películas do oeste americano que viamos en sesión infantil no cine Maricel e que logo intentabamos emular con acenos duros e as nosas pistolas de pau. Pero o que máis sabía do Oeste era o Xosé, un nada maior ca nós, que consumía os días lendo noveliñas de Silver Kane ou Marcial Lafuente Estefanía, coma se xa fose consciente de que axiña ía morrer. E, efectivamente, o Xosé morreu de cancro sendo un rapaz, aínda que eu, na miña imaxinación hiperbólica, sempre preferín imaxinar que morrera por unha bala perdida de Billy O Neno. Cadraba mellor coa súa vida de lector empedernido. O certo é que moitas desas novelas foron o primeiro alimento do noso mundo ficcional, nunhas casas nas que non había libros. Cando me preguntan polas miñas influencias, sempre digo que as miñas referencias van dende Homero (a Odisea foi un dos primeiros abraios) a Marcial Lafuente Estefanía. apachesE digo isto porque os escritores somos portadores doutras literaturas e as novelas que lemos acaban por deixar pouso nas nosas obras. No ano 2000 publiquei en Galaxia unha novela titulada Homónima, que eu sospeitaba que era un débito de libros como Cien años de soledad ou Pedro Páramo; agora, non obstante, sei que no fondo é un western que xurdiu precisamente desas lecturas de pouca calidade que devorei de neno.

Borges falaba das novelas do oeste coma a última grande épica. As novelas do oeste servían para escapar da asfixia do franquismo ou, no meu caso, para cubrir esa falla de libros que había na miña casa.

trilogíaHai uns anos, en Noia, logo de presentarmos precisamente a miña novela Homónima, David Pérez Iglesias falárame da Triloxía da Fronteira de Cormac Mccarthy, e esa recomendación converteuse para min nunha re(descuberta) alucinante, porque por vez primeira vía algunhas das historias de Marcial Lafuente Estefanía elevadas á categoría de arte, a unha literatura de calidade indiscutible.

Estes días veño de ler, cun gozo de neno, a Triloxía do Oeste americano de Oakley Hall e a pregunta que me fago é que fascinación lle produciría ao amigo Xosé se puidese ler estes libros tan ben escritos que, daquela, non chegaban ás Casas Baratas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *