O viaxeiro radical, de Xerardo Quintiá

1Pedro García Vidal. Dende sempre sinto atracción pola Costa da Morte. Gusto de percorrer esas xeografías sempre sorprendentes onde a Natureza faise máis presente e viva. Non recordo exactamente cando tiven coñecemento da existencia de Man. Lin nalgún xornal que na afastada localidade de Camelle, na coñecida como Punta do Boi, vivía un alemán excéntrico que cubría o seu corpo enxoito cun minúsculo taparrabos. Construíra unha particular vivenda sobre os penedos, pintaba e realizaba esculturas cos materiais que atopaba preto e tiña costumes extravagantes como bañarse tódolos días do ano ás sete da mañá e ás sete da tarde nas frías augas do Atlántico.

Excitouse a curiosidade. Visiteino varias veces. Nunca me atrevín a manter con el unha mínima conversa. Só a pequena expresión de cortesía cando me entregaba o caderno e demandaba unha frase ou un debuxo sobre a súa obra. Cando souben da súa morte, sucedeume un pouco o que ao autor deste libro, quen ante a pregunta dunha entrevistadora de por que un libro sobre Man, responde que foi unha persoa a quen sempre quixo coñecer mellor pero que non foi capaz de facelo en vida. Dende ese punto de vista a realización deste libro, afirma, é como saldar unha débeda coa súa figura pola que se sentiu fascinado. Particularmente penso que con este viaxeiro radical, non só Xerardo Quintiá salda unha débeda que considera propia, senón tamén aquela que temos todos os galegos con Manfred Gnädinger, o “alemán de Camelle”.

OLYMPUS DIGITAL CAMERACoa mestura de realidade e ficción, nun relato case poético pola coidada linguaxe, Xerardo Quintiá achéganos a traxectoria vital dun home extraordinario que viaxa, dende a súa Alemaña natal ata Camelle, na procura de si mesmo. A viaxe como metáfora da busca da liberdade. Ao mesmo tempo, a vida como viaxe e como renuncia a todo, a persoa fronte ao Universo.

O libro aparece dividido en tres partes, que se corresponden coas tres viaxes de Man,  que representan igualmente as súas tres renuncias: a primeira viaxe é a renuncia á infancia e á familia. Man abandona a súa aldea natal Böhringen, ao suroeste de Alemaña, coa intención de converterse nun grande artista. Logo da súa estancia noutros países de Europa, no ano 1962 chega a Camelle, aldea pesqueira en plena Costa da Morte onde vai instalarse definitivamente. Un tempo despois, posiblemente afectado por un desengano amoroso, a súa tendencia á marxinalidade desencadéase definitivamente.

Casa e museo de Man. Agosto 2005
Casa e museo de Man. Agosto 2005

Estamos ante a segunda das súas viaxes de renuncia: renuncia a ser un artista convencional. Autodidacta, culto, en contacto coas vangardas, consciente de querer realizar unha arte relacionada coa terra e con materiais da terra -un tipo de “land art”-, vai prescindir da arte mercantilista, polo que renuncia incluso aos elementos desa arte personificados nos lenzos como soporte da mesma. A terra vai ser o único soporte da súa obra. Por último, a catástrofe do Prestige supón a súa derradeira viaxe. Desbordado polo chapapote asasino, Man renuncia a vivir.

Vivir á  marxe dos convencionalismos, rexeitar calquera tipo de imposición, ser quen de afastarse de todo aquilo que perturba a procura do obxectivo inalcanzable leva inevitablemente ao conflito consigo mesmo e coa sociedade. Esa radicalidade existencial de Man vai tentar ser comprendida por Xerardo Quintiá a través de indagar en determinados aspectos da súa vida coa pretensión de chegar á cerna do personaxe.

A novela coa mestura de biografía e ficción leva á reflexión do lector sobre aqueles elementos que determinan a vida como o amor, a amizade ou busca do sentido da existencia, e tamén a decatarse da permanente loita de quen ceibe, solitario, marxinal, afástase do mundo confortable na procura de algo que o satisfaga no persoal. Pero nesa loita contra o permanente desacougo, moitas veces, como lle sucede a Man, a incomprensión belixerante é o peor inimigo.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *