Román Arén. Foi, para min, a primeira noticia de que o primeiro marqués de Santillana, Íñigo López de Mendoza (1398-1458) era tamén un poeta galego a Escolma de Poesía Gallega II. A poesía dos séculos XIV a XIX (1354-1830) de Xosé María Álvarez Blázquez, editada en 1959 (e reeditada en 2008) e aínda, cos seus límites, consultada. Do creador de “serranilla” inclúe unha cantiga do Códice de Palacio, tamén conservada noutro da Academia da Historia (“Por amar non saibamente/mais como louco servente,/hei servido a quen non sente/meu cuidado”), pero non é ese o texto que vou reproducir, pois hai na súa obra máis alusións a Galicia. A primeira pode atoparse na obra “Defunsión de don Enrique de Villena, señor docto e de exçellente ingenio”: Mas bien como quando, de noche e de día, se fallan compañas en el jubileo desde la Monjoya fasta el Zebedeo, yo no dava passo sin grand compañía.
E claro que Zebedeo está no texto por Compostela, pero Monjoya é menos evidente, pois cren algúns que alude a La Monjía en Logroño e outros ao Monte do Gozo (Cito pola edición de Crítica de 1997, de Regula Rohland).
Pero non é esta a única alusión do marqués que nos afecta, pois a outra refírese ao poeta Macías, un verdadeiro mito de “namorado” na literatura castelá que chegará ata Mariano José de Larra (e que estudou moi ben, se non erro, Ermitas Penas). Esas referencias a Macías están en “Infierno de los enamorados”, nas estrofas LXV, LXIII e LXIV e nos versos 513-528, e selecciono unha parte:
E si por ventura quieres/saber por qué soy penado,/plázeme, porque, si fueres/a tu siglo transportado,/digas que fui condenado/por seguir d’Amor sus vías./E, finalmente, Maçías/en España fui llamado.
Volve aparecer Macías, o Namorado, na “Querella de amor” de Santillana, onde se citan os famosos versos do galego “Cativo da miña tristura,/ya todos prende espanto/e preguntan qué ventura/es que m’atormenta tanto”.
Remato lembrando que é Santillana no seu “Prehemio al Condestable de Portugal” quen lembra que na súa infancia os poetas da Península, foran de onde foran, escribían os seus versos en galego.