Un noiés en Cuba

CapturaPastor Rodríguez. Eduardo Núñez Martínez, D’Arxellas, naceu en Noia en 1888, fillo do tamén escritor Eduardo Núñez Sarmiento (1865-1906), quen fora para Cuba en 1894, tras exercer o maxisterio na vila noiesa. O seu fillo D’Arxellas chegou á illa cubana en 1906, onde se estableceu no rueiro El Cerro, da Habana, e viviu ata a súa morte o 15 de setembro de 1971. Exerceu como carpinteiro, pero tamén como xornalista, colaborando en El Eco de Galicia, Diario de la Marina, La Región Gallega ou Vivero en Cuba. Mais a súa vocación foi a poesía, que cultivou en castelán e galego. Xa en 1924 foi incluído nunha importante antoloxía cubana, Los argonautas. En 1926 apareceu o seu primeiro volume poético, En mis tedios del exilio, e xa en 1950 Himnos de bien. Breviarios de versos y prosas, obra á que seguirá Mi cruz de refugio (1951), prologada por Andrés Rodríguez Millares. En 1952 edita Metopas. Tradiciones noyesas, en verso, e en 1953 Caulículos. Libreto de tradiciones noyesas en verso, mentres que en 1954 publicará Minucias. Libreto. Recopilación de asuntos tradicionales noyeses, en verso e prosa. En 1958 aparece un folleto poético, Visiones de La Habana e en 1962 Gajes o desgajes. Deixou inéditos poemarios en galego e castelán como Vesvellos e Retenciones. Colaborou tamén en Tapal e foi un gran admirador de Curros Enríquez a quen dedicou o poema Ante a súa cova. Na revista noiesa publicou prosas como Arrabalde de Noya, Semblanzas de Noya, Un explorador gallego ou La historia y la heráldica. Da súa figura ocupáronse Neira Vilas, Jorge Domingo Cuadriello, Rodríguez Millares, Fabeiro Gómez e Aurora Marco.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *