Xerardo AgraFoxo. Despois dos éxitos cinematográficos de Fresa y Chocolate (1994) e de Guantanamera (1995), as dúas películas dirixidas por Tomás Gutiérrez Alea e Juan Carlos Tabío, e que tantos problemas lles ocasionou a algúns dirixentes da nomenclatura cubana por culpa das acerbas críticas que recibiron do seu Líder Máximo, chega agora ás nosas pantallas Conducta, de Ernesto Daranas, un filme “multipremiado” e unha obra que vai polo mesmo camiño que as dúas anteriores coas que conserva semellanzas no que se refire ao tratamento de certos temas incómodos dentro da sociedade cubana.
A película conta a historia dun neno de once anos de idade, Chala, que vive nun arrabalde marxinal da Habana coa súa nai drogadicta, e se dedica a adestrar cans de pelexa. Cando a súa mestra, Carmela, se ausenta das clases, por culpa dunha enfermidade, e Chala amosa unha conduta agresiva, a nova profesora intenta envialo a unha Escola de Conduta. O enfrontamento da vella mestra coa dirección do colexio, para evitar que o rapaz se converta nun ser máis marxinal, provocará un conflito pedagóxico difícil de controlar.
No medio desta sinxela trama argumental, xurdirán outros temas como a situación dos palestinos na cidade, a vida nos barrios miserentos da Habana, unha dura crítica contra determinados postulados do sistema educativo cubano e varias referencias, algunhas nunca oídas nun cine da illa, sobre a xerontocracia que goberna o país con man de ferro.