Desexo cumprido

fonteAntón Riveiro Coello. No ano 1723, segundo consta nas marxes dun vello documento, un devanceiro noso achegouse á fonte que, de sempre, estivo dentro do terreo da casa e, diante de varios veciños, botou nela un real para que se cumprise o seu desexo. A xente da aldea, que era moi crida, deu en venerar o lugar e, a cada volta, acudían máis veciños para entregar as súas moedas na fonte dos desexos, que foi como acabou por se chamar. A devoción espallouse a outras aldeas e, tal como se pode ler na documentación que manexa o historiador da vila, xa no alborexar do século XIX está datada a primeira romaría que, ano tras ano, cadra co día de San Roque. Agora chegan excursións doutras provincias, mesmo de Portugal, e mamá observa a xente dende a fiestra da cociña e entretense vendo depositar o prezo estimado de tantos desexos que non sei se se cumpren ou non. O que si sei é que despois, no solpor, cando xa non queda unha alma na finca, mamá achégase á fonte para recoller do fondo os froitos do desexo cumprido do noso devanceiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *