Os nativos dixitais son homo sapiens

tablet2X. Ricardo Losada. Por razóns profesionais estou lendo algúns libros sobre a influencia das novas tecnoloxías na forma de pensar dos humanos. Hai posturas optimistas e pesimistas, e intento situarme. Como me pasa con frecuencia (gústame converter as anécdotas en categorías), o outro día lin unha historia que me fixo reflexionar moito. Un neno pequeno, nativo dixital, e habituado polo tanto a andar con móbiles intelixentes e tablets desde que naceu, cando un día lle deixaron un libro infantil de papel, intentou cambiar de ilustración deslizando por ela o dedo índice tal e como fai para cambiar de pantalla na tablet. Ao ver que a cousa non ía, tirou o libro, e volveu ao aparello electrónico. O autor do libro púñao como exemplo dos problemas que os rapaces están tendo para combinar mundo real e mundo virtual, e aventuráballes graves trastornos. Sedentarismo. Claustrofilia. Incapacidade para o pensamento abstracto. Temor ao risco e a incerteza.

 tablet1     Eu non o creo. Estou seguro que o neno aprenderá a convivir sen trauma ningún cos dous tipos de soporte. Aquí me tedes, levando unha vida normal, iso que de neno sufrín unha revolución bastante máis traumática ca esa. Medrei habituado a que cando dicía Pipí, miña nai sacábame o pito por un burato que tiña o pantalón. Era un método sinxelo, intuitivo e rápido que os nenos aprendiamos con facilidade. Imaxinade a conmoción que me provocou aos dez anos aquel pantalón de tergal gris coa primeira cremalleira da miña vida. Cando fun mexar con el posto reaccionei, como o neno nativo dixital do que falei antes, cun reflexo condicionado. Metín a man no pantalón, como fixera toda a vida, saquei o pito polo burato que debía haber e non había, e mexei no pantalón. Imaxinade agora as risas dos amigos, e comprenderedes de que falo. Aínda así (miña nai obrigoume a poñelo), habitueime a aquel pantalón como se nada.

     Quere iso dicir que a partir daquel momento, como sostiñan os expertos máis pesimistas, o meu pito fíxose sedentario porque a cremalleira lle daba menos liberdade? De ningunha maneira. Co novo pantalón movíase máis ca nunca, como unha fera engaiolada, obrigándome a recolocalo constantemente. Quere iso dicir que a partir daquel momento, como aventuraron os expertos máis pesimistas, o pito volveuse claustrofílico porque a cremalleira lle pechaba a porta? Para nada. Polo moito que se movía conseguiu (tocagüevos me chamaban) que eu lle prestase máis atención que antes. estatuilla-manneken-pisQuere iso dicir que a partir daquel momento, como prognosticaron os expertos máis pesimistas, o pito deixou de pensar como o código xenético lle ensinara? Pois tampouco. Aínda que é certo que petaba á porta da cremalleira con frecuencia (parecía querer rebentala), produciu os pensamentos espermáticos en tempo e forma que por natureza lle correspondía. Quere iso dicir que a partir daquel momento, como diagnosticaron os expertos máis pesimistas, o pito deixou de mexar por temor a quedar pillado na cremalleira? Nin por asomo, pois, como testemuñan as enfermidades venéreas, ao pito sempre lle gustaron os deportes de risco, e pedía sacar a cabeza e ouriñar con máis frecuencia ca nunca. E aínda máis. Como consecuencia de todo iso, aumentou prestacións, intensidade de chorro e volume. En fin… Se o pito, que é bastante máis ríxido, se adaptou a revolución semellante, que non fará a mente, máis plástica, con esa reformiña do Silicon Valley.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *