Román Arén. Anda nestes días ou meses, nos xornais, o nome da escritora cántabra Concha Espina, por mor da depuración que se quere facer do rueiro de Madrid para libralo de ecos do franquismo. Como moitos saberán, sen ler a autora, Concha Espina é a rúa na que están as oficinas do Real Madrid. Foi franquista a autora, é certo, pero foi algo máis ca iso e até chegou a ser candidata ao premio Nobel de Literatura. Novelista reivindicada polas feministas, moi popular entre 1909 e 1940, foi autora, acando menos, de catro novelas importantes: La esfinge maragata (1914), El metal de los muertos (1920), novela a prol dos mineiros, Altar Mayor (1926) e El cáliz rojo (1923). Comezara a súa andaina como narradora con La niña de Luzmela (1909), que eu lin na colección Austral (ben escrita, idealista), pero foi tamén ensaísta (Mujeres del Quijote, 1903, reeditada en 2005; Don Quijote en Barcelona, 1917), biógrafa de Machado e poeta, eido no que destacou pouco aínda que ten méritos, pero está falta dunha voz forte e persoal. Neste xénero iniciouse con Mis flores (1904) e o poemario mellor é De la vida (1910), pero tamén fixo interesantes poemas en prosa. Sabemos que en 1904 visitara dúas veces Galicia, cando aínda asinaba Concha Espina de Serna (era a nai do xornalista franquista Víctor de la Serna), porque ela mesma o afirma no poema que, dende Cabezón de la Sal, dedicou a Curros Enríquez o 19 de outubro de 1904, por causa da coroación do poeta de Celanova. O poema editouse en folla solta e nas revistas <Galicia> da Habana e <Revista Gallega> d’A Coruña, e reproduciuno López Varela. Non deixa de abraiar que unha escritora coma Concha Espina, moi conservadora, gabe a Curros, o poeta civil por excelencia. Non coñezo o contexto do poema, que tamén alude a Rosalía (“patria gloriosa de Rosalía”) e que comeza así:
Ya dos veces mi planta/de peregrina/de tu verjel (sic) gallego/pisó las flores;/dos veces de tu cielo/la luz divina/ha posado en mi frente/sus resplandores.
Remata o poema deste xeito:
¡deja que mis jardines/de la Montaña/se asomen a tu amado/verjel gallego!
Ten, pois, a autora de La segunda mies (1943), unha visión idílica de Galicia. O seu franquismo virá despois.