Antón Riveiro Coello. Metíase tanto nos papeis que interpretaba que, máis dunha vez, lle custaba saír deles. Era un profesional. Tiña moita reputación nos teatros do país, malia as súas manías de divo. O mesmo facía traxedia que comedia. Pasaba horas e horas diante do espello, estudándose, buscando novas formas e a voz dos personaxes. Lía unha e outra vez o texto non só para o aprender de memoria senón para o facer tan seu que xurdía de dentro, coma se fose algo espontáneo e orixinal. Durante meses, facíase difícil convivir con el, porque a transformación era constante. Vivía dentro do personaxe e saía á rúa con el, sen lle importar que o tratasen de tolo ou que nalgunha ocasión lle buscasen as voltas. Cando tiña setenta anos encargáronlle o seu papel máis difícil, o dun vello que, tras un accidente, ficara coa idade mental dun neno de seis anos. Precisou case un ano para o preparar e despois percorreu os mellores teatros do mundo, apañando premios e recoñecemento por ese papel, mais quedou dentro do personaxe para sempre e non foi quen de saír del. Dun día para outro, desapareceu dos escenarios e contan que pasou o retiro na casa da súa filla, compartindo esoutra infancia e os mesmos xogos cos seus netos.
Que triste, real como a vida mesma.