Sexo en New App

sexo-smartphoneX. Ricardo Losada. O xoves 20 de agosto publiquei en Café Barbantia un artigo titulado “Os nativos dixitais son homo sapiens”, no que contaba a historia dun neno, nativo dixital, que, cando se puxo a ler o seu primeiro libro de papel, intentou cambiar de ilustración deslizando por ela o dedo índice tal e como facía para cambiar de pantalla na tablet. Cando lin esa historia, recordei unhas anécdotas da miña infancia. A primeira, un día que o equipo de baloncesto do meu colexio foi xogar a Santiago contra Peleteiro. Sempre xogaramos nun campo de terra (máis ben de barro), e mentres xogabamos aquel partido nunha pista de parqué non facía máis que darlle coa punteira do tenis ao chan para sacarlle o barro que non tiña. A segunda, a que contaba naquel artigo: cando pasei de usar pantalón con burato a pantalón con cremalleira, mexei por min porque intentei facelo como o fixera sempre.

 X-ABECEDARIO-DESNUDO    O que non sabía cando escribín ese artigo é que tamén ía ter efecto no futuro, e no futuro a curto prazo: a mesma noite do día que saíu publicado. Para entender o que pasou, direivos que a muller e eu formamos un matrimonio normal e que, despois de bastantes anos de relación, a paixón amorosa xa non é para nós nin un pracer nin un deber, é un fermoso recordo que nunca recordamos. Pois ben, a noite de autos comezou como todas. Metémonos na cama, démonos un bico moi casto, apagamos a luz cenital do cuarto e, ao mesmo tempo que nos puñamos de costas, acendemos a lámpada de cadansúa mesiña de noite para wasapear polo smartphone. Estivemos con esa rutina uns dez minutos ata que alguén me felicitou polo artigo que escribira esa mañá. Inmediatamente recordei o neno nativo dixital deslizando o dedo pola ilustración de papel, e tiven unha erótica inspiración que, nun primeiro momento, atribuín ao abundante alcohol que bebera na cea. Ocorréuseme, nada máis e nada menos, que mandarlle un wasap á muller que tiña pegada ás costas: Quérote, meu amor, bótote de menos.

     Ao pouco recibín outro dela: Eu tamén te boto de menos, se estiveses aquí… Non me sorprendeu nada tan rápida e receptiva resposta. sexO mundo virtual ten costumes antagónicas (contar o que nunca contarías á cara, por exemplo) ás do mundo real. Así que (xa empalmado) contestei: Iso digo eu, se estiveses aquí…E ela: Dáme que estás excitado. E eu: Estou, e ti? E ela: Adiviña que levo posto. E eu: Non sexas anticuada, meu amor, iso é de teléfono erótico, mándame un selfie espida. E ela, tras mandarmo: Mándame ti outro, máis excitante aínda. E así, mandando wasaps e mirando os respectivos selfies, conseguín que a muller chegase ao orgasmo tras deslizar con máis precisión ca nunca o dedo índice da miña man por un primeirísimo plano (zoom 1000) do seu clítoris. E mirade como son os teléfonos estes, que avances!, que a oín carpir como se estivese alí mesmo. Diredes vós: E ti, que? Nada? A verdade é que non. Ela puxo todo o seu empeño, pero deslizar o dedo índice polas miñas partes no selfie non foi suficiente. Pero iso é o de menos. O importante é que ela recuperou a paixón amorosa, e que eu só terei que agardar a algunha nova e inminente versión do smartphone. Seguro que trae unha aplicación que permite meter a man no selfie para agarrar como é debido o membro ese ao que non lle chega que o exciten co delicado tremor do dedo índice.     

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *