Bob Dylan, 50 anos despois

dylan1Gonzalo Trasbach. Estelas de luz. Agora cando xa se senten máis cerca os suaves pasos do crepúsculo de agosto, escavando unha vez máis no vello lodo da memoria, doume conta de que hai xa 50 anos que se publicou Highway 61 Revisited, disco mítico que ratificou a definitiva conversión de Bob Dylan á electrificación da súa música. Como moitos lembrarán, foi no festival de folk de Newport de 1965 cando o cantautor de Minnesota deu os seus primeiros pasos nesa dirección, provocando un profundo cisma entre os incondicionais do folk protesta, que non comungaban cos novos aires roqueiros que estaba introducindo no seu territorio sonoro, e os que entenderon que a súa aposta era algo máis verdadeiro que un simple capricho de nova estrela emerxente.

En Bringing It All Back Home, gravado en xaneiro de 1965 coa produción de Tom Wilson, quen tiña traballado con Simon & Garfunkel, e máis tarde con Frank Zappa & The Mothers Of Invention e The Velvet Underground, estaba o xerme: Dylan incluíu varios temas coa guitarra eléctrica. En agosto do mesmo ano, sen respiro algún, apareceu Highway 61 Revisited. Bringing-It-All-Back-HomeA electrificación xa era total. Case. Agás Desolation Row, onde involucra na mesma fantasía a Einstein, Bette Davis, O Fantasma da Ópera, Robin Hood, Ezra Pound, Caín e Abel, O Chepudo de Notre-Dame e T.S. Eliot coa soa axuda da guitarra acústica e a inconfundíbel harmónica.

A primeira canción, a afamada Like A Rolling Stone, a única do disco producida por Wilson, tenteou previamente o mercado en forma de singre. Daba igual que funcionase ou non. Dylan xa tiña escollido o seu propio rumbo. Para el era indiferente que a escena folk estivese cabreada con esta mudanza para unha nova paraxe sónica e á subida de decibelios.

Ao empuñar a guitarra eléctrica, Dylan transmutouse de trobador cristalino en arquitecto sinuoso das palabras. E fíxoo collido da man con Bob Johnston aos controis e nos estudos de Columbia, en Nova York , cando este produtor de Nashville traballara con Jhonny Cash e colaborou máis tarde con Leonard Cohen nunha liña musical moi diferente.

the timesPoucos imaxinaron que o título do terceiro álbum de Dylan The Times They Are A Changin (1964) resultaría tan profético, aínda que non no sentido social. Os tempos tiñan cambiado e mesmo o nacente folk-rock abría as súas fiestras ao espírito da psicodelia. Pero o de Minnesota metamorfoseou o folk en blues. Apostou polo rock’n’roll –a canción Highway 61 Revisited plasma a súa forma de entendelo e pola inclusión do órgano, tocado por Al Cooper, como modelo melódico.

Da banda de Paul Butterfield trouxo a Mike Bloomfield, que foi o encargado de tecer a musculosa armazón de guitarras. Na súa apertura de miras, até incluíu o son manipulado da serea dun coche de policía, o signo distintivo do tema que dá título ao disco. As historias narrativas –a moza ben convertida en mendiga de Like A Rolling Stone– alternaron coas frases en aparencia desconectadas entre si de Tumbstone Blues ou nos xogos malabares na fronteira de Just Like Tom Thumb’s Blues, aínda que nada mellor que as cinco historias independentes que empregou para retratar a Autopista 61. Desolation Row despide esta magnífica aventura, este xeneroso froito crepuscular de agosto.

2 comentarios en “Bob Dylan, 50 anos despois

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *