Xeve. A casa dos Ruibal (II)

ruibalCarlos Mosteiro. Dos irmáns Ruibal, Pepe era o maior (naceu en 1925) e, sen dúbida, o que tivo un final máis triste. Dedicou toda a súa vida ao teatro e curiosamente sempre tivo menos éxito que prestixio. Quizais as peculiaridades da súa aposta, realista pero cunha fondísima carga simbólica, tivese bastante que ver neste feito. “Eu sigo escribindo, malia esa falta de éxito, malia esa falta de perspectiva”. Xa cos seus textos iniciais traza perfectamente o seu camiño. Proponse escribir “á parte” (non necesariamente en contra) do público habitual dos teatros. Non quere un teatro para minorías, pero tampouco desexa pregarse aos gustos do espectador. Empeza publicando poesía: “El dios de los precipicios” sae do prelo en 1950, pouco antes de viaxar a Arxentina. En Bos Aires escribe un estudo sobre Laxeiro que se publica en Pontevedra en 1952. Compón “La ciencia de birlibirloque” (1956), sobre unha lenda popular galega. En 1957 “Los mendigos”, farsa contra a ditadura, e na que aparecen por primeira vez os seus animais-símbolo. “El bacalao” (1960) é unha diatriba contra a burocracia. En 1962 casa con Consuelo Vázquez Parga. Afianza a súa dedicación ao teatro. En “El asno” introduce unha das súas aportacións máis persoais, a máquina-personaxe. Presenta esta obra a un certame convocado por Dido, pequeño teatro e o xurado declara o premio deserto. “Dende entón tiven a sensación de que o meu teatro ía ser rexeitado”. Pero segue escribindo sen parar: en 1966 “Su majestad la sota”, pensada e comezada en Bos Aires; en 1968 “Los mutantes”, “El rabo”, “Los ojos”, “La secretaria”, “El padre”, “El superagente”, “El ascenso”, “El hombre y la mosca”; en 1969 “El mono piadoso”, “El asno electrónico” e “A máquina de pedir”; en 1970 “Currículum vitae”.

            ruibal3George E. Wellwarth, profesor e crítico norteamericano, sitúa a Ruibal no grupo que chama “teatro español underground”, que manifesta unha estética distinta á que se advirte na chamada “xeración realista”. Toma do realismo a linguaxe, pero para crear unha realidade nova, que non é reflexo senón interpretación da existente. As obras de Pepe Ruibal comezan a publicarse traducidas ao inglés, alemán, polaco, portugués… Nos Estados Unidos, o Departamento de Drama da Universidade de Pennsylvania realiza montaxes en inglés de “Los mendigos” e “El rabo”. No Departamento de Drama da State University de New York estréase en 1971 a versión inglesa de “El hombre y la mosca”, nunha montaxe que merece a atención do New York Times. En 1972 participa en París nas Xornadas Iinternacionais Universitarias de Teatro Español Contemporáneo. En 1974 imparte cursos sobre o novo teatro na Universidade de Minnesota e noutras universidades norteamericanas. O primeiro director do Centro Dramático Nacional Adolfo Marsillach proponse programar “El hombre y la mosca”, pero o proxecto non chega a realizarse. En 1982 o Teatro Rodante Portorriqueño leva novamente a obra a un escenario de Nova York. Outra vez o paradoxo: a moitos autores éralles moito máis doado a estrea ou a cátedra universitaria ao outro lado de Atlántico que no seu propio país. Que “El hombre y la mosca” se estree en Nova York antes que en España para min pode ser unha honra, pero para a cultura teatral do meu país é unha vergoña”. En 1988, Ruibal asiste en Nova York a un simposio internacional de ópera onde é convidado a amosar a súa “teoría do arquetipo” en Edipo Rei e Macbeth. el mono piadosoInicia unha estreita relación co Actor`s Studio, e o director Frank Corsaro convídao a ensinar esa teoría na súa escola; a raíz desta colaboración lese, con excelente aceptación, a versión inglesa de “La máquina de pedir” e Ruibal é nomeado membro de honor da afamada institución.

            Nos últimos anos da década dos noventa Pepe Ruibal atópase en España, enfermo e necesitado, internado primeiro nunha residencia en Nigrán e despois noutra de Buendía (Cuenca), perdido o xuízo e case na indixencia. Alonso Montero remata a necrolóxica (“José Ruibal”, La Voz de Galicia, 18 de febreiro de 1999) indicando que os estudosos e os directores teatrais non tardarán en facerlle xustiza. Sen dúbida a Pepe Ruibal o teatro débelle unha.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *