Galicia e os galegos na poesía castelá XXII. Raúl González Tuñón

tuñonRomán Arén. Traemos á lembranza hoxe a un poeta arxentino, de pais asturianos, Raúl González Tuñón, nacido en 1905 e que, con Borges, comezou afecto ao grupo Martín Fierro e, xa que logo, cantor da súa cidade natal, Bos Aires, o que non lle impediu o cosmopolitismo nin o amor por París, onde se deixou influír polo surrealismo. Comunista, viaxou a España en 1935, onde tratou moito a Miguel Hernández, pero foi moi amigo de García Lorca. Hoxe é coñecido sobre todo polo poemario La rosa blindada (1936), homenaxe á Revolución de Asturias. Volveu a España en 1937, colaborou en <Hora de España> e <El Mono Azul> e lembrou sempre a catástrofe da derrota republicana, como amosan obras como 8 documentos de hoy (1936), Las puertas del fuego (1938) e La muerte en Madrid (1939). Outras obras súas son o poemario ultraísta El violín del Diablo (1925), Miércoles de Ceniza (1928), Humo de pólvora (1943), Primer canto argentino (1945), Demanda contra el olvido (1964), El banco en la plaza (1967) e as súas memorias Una ventana que mira a la calle (1967). Morreu en 1974.

En Bos Aires colaborou na revista dos galegos <Resol>, que Arturo Cuadrado transplantou da Galicia ao exilio arxentino, cun poema político no que están presentes ecos do García Lorca poeta en galego. O poema publicouse en Xaneiro de 1938, titúlase “Domingo Ferreiro”, e ten 41 versos, pero só reproduzo un fragmento:

Toca la gaita Domingo Ferreiro/toca la gaita. No quiero, no quiero./Porque están llenas de sangre las rías,/porque no quiero, no quiero, no quiero./Ya se secaron los ramos floridos/que ella traía en las faldas del viento/que ella traía a su novio soldado/o pescador, labrador, marinero./Sobre Galicia ha caído la peste,/ay, los oscuros sargentos vinieron,/están colgando en los pinos los hombres,/toca la gaita, no quiero, no quiero./Nuestros hermanos están allá abajo/pronto vendrán a vengar a los muertos,/pronto vendrán en mitad del verano,/pronto vendrán en mitad del invierno…

No mesmo número de <Resol> outro poeta español, exiliado, José Antonio de Balbontín, autor dun libro sobre Rosalía, publica un poema a un galego, un dos máis cantados, por desgraza, “A Franco, general pirata”, que conclúe con estes versos:

…que se te pudra la lengua/con que escupiste a la Patria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *