Nostalgia, de Mircea Cartarescu

nostalgiaPedro García Vidal. Guiado polo sempre atinado criterio lector da miña sobriña, Iria Lago, achégome á obra do poeta, narrador e ensaísta Mircea  Cartarescu e fágoo coa obra que o consagrou como a voz máis potente das actuais letras romanesas: Nostalgia. Dende o primeiro dos relatos, El Ruletista, teño a sensación de estar ante un escritor especial, deses que nunca transmiten indiferenza. Libro de relatos inquietantes que, a través dunha prosa recargada, barroca, que trata de incorporar todo tipo de percepcións e símbolos, produce no lector un forte desacougo, un efecto estraño como de ter lido algo máxico ou alucinóxeno.

O libro está composto por cinco textos que aparecen divididos en tres seccións: a primeira, titulada “Prólogo”, inclúe o relato El Ruletista; a derradeira, “Epílogo”, o El arquitecto; a do medio, titulada “Nostalgia”, incorpora os tres textos restantes: El Mendébil, Los gemelos e REM. O título do libro danos as claves do que imos atoparnos: unha viaxe á infancia e primeira xuventude do narrador por barrios marxinais do vello Bucarest. Pero non se trata dunha viaxe realista senón que, no convencemento de que nunca se pode retornar ao que xa foi, o máis que pode facerse é “un recordo dos recordos”; xa que logo, un recordo transformado polo tempo onde realidade e fantasía se mesturan.

No excepcional “El Ruletista”, un narrador-testemuña relata a vida do protagonista que se gaña a vida coa ruleta rusa, ofrecendo a súa vida á sorte. Na procura da gloria, precisa cada vez de máis retos, por iso vai aumentando progresivamente o número de balas no revólver. A idea é permanecer para sempre na memoria das persoas por mor das súas proezas: o risco como unha aposta pola inmortalidade..

mircea 2Un segundo narrador-testemuña retoma a narración en “El Mendébil”, onde os protagonistas son os nenos dun barrio obreiro, deprimido, que se entreteñen con xogos crueis e sádicos. Un novo veciño, na figura dun neno especial, trae o poder da palabra, a imaxinación e a fantasía para desprazar a violencia, así como o derrubo das fronteiras entre sexos.

En “Los gemelos”  Cartarescu percorre os camiños da turbia construción da personalidade, onde o mundo real se entrecruza co pesadelo e co relato da infancia e primeira xuventude. O mito do andróxino, os amores non correspondidos, a hostilidade infantil dos nenos cara ás nenas, son as voces que van tecendo un desgarrado relato.

O cerne do libro é REM, máis unha pequena novela que un relato, onde o mundo dos soños nun estilo moi lírico o asolaga todo. Neste caso o narrador é nada menos que un insecto-testemuña. O mundo inconsciente vai aparecer mesturado coa imaxinación desbordante dunha nena de 12 anos. Relato da infancia onde se trata o momento da perda dos soños, da perda da inocencia, e da anguria que supón a aceptación dos roles sociais como negación do que un cría.

mirceaPor último, o relato que pecha o libro “El arquitecto”, está relacionado co personaxe de “El Ruletista”, na súa ambición e desexo de transcendencia.

Cortarescu non pretende ser un narrador da vida social, pois como sinala “só me interesa o meu mundo interior” (Que leer). De aí que, nun estilo único, fermoso e desacougante,  narrado cunha apaixonante inventiva, o autor agasállanos cun relato engaiolante polo que discorren soños, pesadelos, lendas ou agoiros que nos achegan a nós mesmos na procura da identidade: os primeiros amores, a indefinición sexual, os medos e pesadelos, a crueldade, as dúbidas,….

Polas páxinas de Nostalgia recoñécense pegadas de escritores como Borges, García Márquez, Cortázar, Kafka,…, pois como afirma o propio autor, a súa obra trata de medirse cos máis grandes. Unha alfaia para quen gusta gozar coas complexidades da conciencia.

Un comentario en “Nostalgia, de Mircea Cartarescu

  1. Concordo contigo. Este libro é do mellor que levo lido no ano. Un autor moi, moi recomendable, si señor. O relato do ruletista é antolóxico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *