A Mennulara, de Simonetta Agnello Hornby

a mennularaInés Otero. Esta novela –traducida ao galego para Galaxia por Carlos Acevedo e Eva Almazán– comeza cando na vila siciliana de Roccacolomba morre aos cincuenta e cinco anos María Rosalía Inzerillo, a Mennulara, nome que reciben as recolledoras de améndoas no mezzogiorno italiano. Malia que esta muller pasou a meirande parte súa vida como criada da familia Alfallipe, as disposicións que deixa nuns papeis converteranse na cerna dunha trama que a autora desenvolve coma se fose unha novela de Camillieri. Así coñecemos cando era unha nena realizando as tarefas máis duras do campo, as mesmas que hoxe se reservan para os inmigrantes, como se transformou nunha moza atractiva e, despois de sufrir unha experiencia arrepiante, nunha muller cun carácter adusto, pero cunha conduta moral tan envexable que os seus amos lle confían a administración das súas propiedades. Un comportamento que se referenda cando o xefe da Mafia local acuda, coma un veciño máis, ás súas honras fúnebres.

menulara2Con estes alicerces, A Mennulara (Premio Novela Europea 2005) convertese nunha oportunidade para que a autora realice unha precisa radiografía da Sicilia rural dos anos sesenta. Aínda que a historia só ocupe unha semana, nestas páxinas, con continuas referencias ao pasado e excelentes descricións psicolóxicas, reflíctese o ambiente opresivo dunha sociedade indolente e soberbia, onde abondan as rexoubas, a hipocrisía e a submisión das mulleres. Tamén é a crónica dunha familia en proceso de esmorecemento, tal como fixera Lampedussa n’O Gatopardo. E mesmo unha historia onde as conivencias políticas e os intereses mafiosos –como nas mellores obras de Leonardo Sciascia– controlan os fíos dunha illa que non quere modernizarse.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *