Un filósofo en globo

globo2X. Ricardo Losada. Cando lles dou clase de Filosofía a alumnos que a cursan por primeira vez, intento saber que prexuízos teñen sobre ela. Hai anos, nun instituto de Cee, ocorréuseme unha forma pola que teño certa predilección. Pórlles unha adiviña que publicou a revista norteamericana Reader´s Digest, como concurso aberto a todos os lectores, e cun importante premio á mellor resposta. Só cambio a profesión dos protagonistas para adaptala aos meus obxectivos. Imaxinade, dígolles aos alumnos, que tres persoas navegan nun globo aerostático, un bispo católico, un científico nuclear e un filósofo. Nun momento determinado da navegación, conclúen (non importa por que) que a única forma de salvar o globo, e de que non caia á terra, é que se tire un deles. Debedes razoar, aplicando a lóxica, cal debe tirarse.

     Como podedes imaxinar, a maioría das respostas, tanto as do Reader´s Digest como as da miña proba, son sisudas e cheas de sofisticadas argumentacións baseadas nas calidades necesarias para exercer as tres profesións referidas. Pero, como eu creo no principio de economía de Occam (En igualdade de condicións, a explicación máis sinxela é a correcta), encantoume a resposta gañadora do Reader´s Digest, chea da lóxica infantil do autor, un neno de 13 anos: Debe tirarse o máis gordo, dixo. Ese mesmo principio aplícoo para dar a máxima nota na miña proba, pero acompañado de outro. O que eu chamo principio de amenidade de Thomas Mann (Os pensamentos profundos deben facernos sorrir), que, en filosofía, aínda me parece máis importante.programación Así, con eses dous principios, a mellor resposta que tiven ata agora foi esta: Non habería problema ningún, o científico e o bispo tiraríanse voluntariamente para non ter que aguantar o filósofo.

     COROLARIO: Sabendo que os inspectores non as len, sempre puxen nas programacións como obxectivo único das miñas clases un corolario realista desa proba do filósofo e o globo: “Conseguir que os alumnos non estean desexando tirarse pola ventá”. Hai cinco anos a un inspector déuselle por lela e díxome que debía retirar ese obxectivo, pois era pouco científico. Retireino, e agora dedícolle máis tempo a facer a programación que a preparar as clases. Traballo bastante menos, pero con máis ansiedade, pois en calquera momento pode ocorrer unha desgraza. Ata eu, farto de min mesmo, estou pensando en tirarme pola ventá.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *