A dama da noite, de Xavier Seoane

a dama da noiteXerardo AgraFoxo. Por circunstancias estrañas non lin esta obra de Xavier Seoane ata hai uns días. E o abraio foi maiúsculo. N’A dama da noite (2013) cóntase dunha maneira ficcionada a vida de Rosalía de Castro a través duns habelenciosos recursos literarios. Un narrador omnisciente conta algúns momentos salientables da vida da poeta, como o seu nacemento –vaia  noite de demos–  ou a súa crianza na parroquia de Ortoño, nas terras de meu pai…cuxos apelidos non me deron. Valéndose das misivas que ela lle dirixe ao seu home –Querido Manolo– ou a que recibe do seu parente de Lestrove –Ramón Hermida–, tamén nos achegamos á autora de Cantares gallegos. O mesmo sucede cos diálogos que mantén Rosalía coa filla Alexandra e con Murguía. Por último, o autor, expoñendo as confesións máis persoais da escritora –as gadoupas da memoria– revela as súas teimas literarias (non volverei escribir no noso dialecto), as rexoubas que esperta a súa escrita (e o seu home o que lle fai os versos), a súa orixe (A nai? Dis que era solteira), a súa orfandade (Aínda que o que máis fervía en min era non ser como os outros. Porque eu era orfa), os amoríos de Murguía (O que me anoxaba era que puidese chegar a ter algunha amancebada) e a súa economía (Claro que gañar cartos, cos libros… nada).

Xavier-Seoane-en-jpgNa dama da noite tamén se relata, grazas a estas espidas reflexións, a traumática experiencia que sufriu cando destinaron a Murguía ao Arquivo de Simancas –unha vila morta–, onde viviu a autora de Follas Novas como unha confinada: sempre devecendo pola chuvia, soportando un baleiro abafante e perdida na fereza da paisaxe castelá, a mesma chaira onde contempla –contra o muro de adobe dun daqueles camposantos– como malvive unha gavela de segadores galegos. Capítulo á parte merecen as páxinas dedicadas aos derradeiros días da escritora na Casa da Matanza.

Como dixen, un abraio. Unha excelente novela. E unha grata descuberta!

Un comentario en “A dama da noite, de Xavier Seoane

  1. Tamén lin a novela. Concordo en todo contigo. Só engadir un comentario sobre a valentía do autor: poñerse “na voz” de Rosalía non é un atrevemento, é unha temeridade; o normal é que te esnafres. Pero Seoane sae moi ben parado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *