Novas do alén

pedras1Xosé Manuel Lobato. Desconfiado e desilusionado coa sociedade que tentou oprimilo de maneira constante, foi proclamando con constancia as súas crenzas, absolutamente convencido. Só se pode acadar o benestar individual dende o alicerce do benestar colectivo. Unha vida observando queimado polo tempo e frustracións propias da especie, agora que xa mora ao outro lado da liña, contempla atordado os noutra época contemporáneos, espidos de principios.

Baleirados de ideoloxía, covardes e asustadizos, amosan sen complexos a escasa capacidade de cuestionarse a súa existencia. Mais, Xián viaxaba contracorrente, dende o seu axioma.

Gustaba e gozaba na interacción co medio, por iso dedicou unha parte importante da súa existencia a visitar, contemplar e coñecer tanta diversidade natural. Posiblemente esa sexa a causa de procurar un epitafio agreste. Nas derradeiras vontades do amigo Xián aparece a transcrición de parte dunha camiñada feita nun día de borraxeira do mes de setembro.

pedras2A súa obsesión polo río Pedras era unha debilidade que carreaba con pracer, de cando en vez necesitaba visitar e camiñar preto do curso acuoso. Na misiva, Xián lembra que nesta paraxe a novidade é unha propiedade intrínseca, a sorpresa sempre se expresa con espontaneidade e naturalidade.

Mais nesa andaina Xián non dá creto á súa vivencia, confuso pola experiencia; mesmo por intres o seu relato sofre estadios de soneca. No entanto, el é coñecedor que nesta contorna a realidade normalmente ampárase na ficción.

Fermoso! Avanzar no ar, entre néboas, empapado na poalla, medio durminte pola  visión escasa. Avanzaba, mais non lograba unha percepción exacta, tanto da situación como da relación co medio que procuraba.

Estaba naquela paraxe que tanto lle comunicaba. Nesta ocasión o enclave non era un guía seguro, os seus sentidos non eran quen de amosar as imaxes, os sons; mesmo as súas glándulas olfactivas non informaban, permanecían indiferentes á flora e á fauna.

Brincou de pedra en pedra, saltando de pozas con axilidade na esvaradía familia pétrea do río, mais unha mala pisada provocou o derradeiro cachote.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *