Platón faloume con gheada

platon1X. Ricardo Losada. Recordo a angustia que me provocou saber que os soños podían revelar aspectos ocultos da personalidade. Era un adolescente e alguén me falaba de Sigmund Freud. Os meus soños eran demasiado normais, e dábame pánico ser un tipo vulgar mesmo soñando. Parecíame extraordinario, e un toque de distinción divino, soñar, como Virginia Wolf, con paxaros falando en grego, e deprimíame soñar cos meus amigos e amigas de toda a vida falando o castrapo de todos os días, aínda que dunha forma máis surrealista e inconexa. Collín complexo (así lle chamaba eu na miña candidez masoquista) de inferioridade onírica, e pódovos asegurar que, para un adolescente, ser un soñador do montón é unha traxedia.  

     Foi desolador un soño que tiven con 17 anos. O profesor de Filosofía explicáranos pola mañá o concepto de amor platónico (“O obxecto do amor é a xeración e a produción da Beleza”) e pola noite soñei con Platón, e Platón falaba con seseo e ghache-ghache, nunha época na que a gheada non tiña tan boa reputación como agora. E non só iso. No soño eu intentaba ligar con Platón, e rexeitábame con furor porque a miña afección preferida era o fútbol, e o fútbol, dicía el na boca do meu profesor de Filosofía, era a antítese do amor platónico. Anos despois souben que a Platón lle encantaba o deporte, e que aquel profesor non nolo dixera porque non quería que vísemos lexitimada a nosa obsesión polo fútbol, un deporte de masas que rexeitaba porque nos alienaba. Odieino como nunca odiei a ninguén. Por culpa súa agora non podo dicir que namorei ao mesmísimo inventor do amor platónico.

 platon2    Pero a miña gran traxedia cos soños foi outra, aínda que tamén amorosa, e tamén amoroso-platónica. Desde moi novo namorei de Ana Belén. E pasoume algo moi curioso, e tráxico. Cando a vía no cine ou na tele, excitábame, pero se intentaba desafogar fantasiando con ela, deixábame frío, pois parecíame demasiado vulgar para un amor tan puro. Metéuseme na cabeza que a única forma de manter unha relación sexual digna con ela sería soñando, e en canto me metía na cama lía cousas sobre a súa vida como se iso fose condicionar o contido dos meus soños. Pero non había forma. Soñaba con Sara Montiel, con Katherine Hepburn, mesmo con María José Cantudo, pero Ana Belén sempre se negou a converterse nunha das miñas máis queridas realidades oníricas. Ata o outro día. E, como todos os amores que se consuman despois de moito tempo desexándoo, foi marabilloso. Ana e eu fixémolo falando en grego, o idioma dos paxaros de Virginia Wolf e do amor platónico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *