No centenario da morte de Stuart Merrill

Stuart_Merrill_-_readingRomán Arén. Nos fastos do 150 aniversario do nacemento de Rudyard Kipling é case seguro que o centenario da morte do poeta Stuart Merrill (1863-1915) pase desapercibido en España e en Galicia. Norteamericano de Hampstead, foi, non obstante, poeta en francés, autor de Les Fastes (1891), Pétits Poèmes d’automne (1895) e Une Voix dans la foule (1909). Poeta simbolista, aínda moi presente nas antoloxías dese movemento, serviu de elo entre a cultura francesa e a anglosaxona pois traduciu os seus amigos simbolistas ao inglés (Pastels in prose). Foi o simbolismo francés (e belga) unha reacción fronte á impasibilidade dos parnasianos, movemento no que participaron varios dos seus fundadores (Verlaine, Rimbaud, Baudelaire e Mallarmé), que tivo o cénit entre 1888 e 1898, pero que seguiu vivo até 1930, malia as vangardas, ás veces reivindicados algúns dos seus poetas polos surrealistas (Saint-Pol-Roux), e que está na orixe do mellor da poesía do século XX (Eliot, Kavafis, Pound, Machado) e que aínda está vivo, aínda que sexa con outros nomes. En Galicia só Pondal ten elementos simbolistas e o Cabanillas máis esteticista, sen esquecer a influencia de Laforgue en Pimentel. Se o parnasianismo foi unha literatura “escultórica”, marmórea, o simbolismo foi musical, auditiva. Rompeu co alexandrino francés, creou o verso libre, desprazou as cesuras, pero foi capaz de dar nova vida a formas tradicionais (o soneto, por exemplo). O seu pecado, para o gran público: o hermetismo. A súa riqueza aproveitárona a historia, a mitoloxía, o ocultismo (Guaita), a psicoloxía. Matices, miles de matices. Herdou do Decadentismo, do Zutismo, dos Hirsutos, dos Hidrópatas…, e cambiou a poesía europea e americana. Foi cousa de escritores en francés, pero belgas, americanos (Nau, Vielé-Griffin, Renée Vivien), polacos (Marie Krysinska), lituanos (Lubicz-Milosz), romenos, xudeus, gregos (Jean Moréas, en realidade Jean Papadiamantopoulos). Stuart_Merrill_-_writingFoi a poética de cregos (Louis Le Cardonnel), católicos piadosos (Guérin, Ghéon, Jammes), protestantes, ateos e dexenerados (Lorrain), mendigos (Nouveau) e nobres (Anna de Noailles, Montesquiou, Lubicz, Guaita), policías (Raynaud), anarquistas (Tailhade), morfinómanos (Dubus), eruditos (Mikhaël, Gourmont, Schwob), suicidas (Deubel), comunistas (Barbusse) e outras herbas. Universal, en inglés e francés, menos en español, en alemán e en italiano. Deu premios Nobel (Gide, Maeterlinck), inventou o monólogo interior (Dujardin) e os rosacruces.

En Galicia só coñezo a tradución que o inevitable (para asuntos franceses) González Gómez fixo do poema “Espera” de Stuart Merrill para o <Faro de Vigo> (1982). Parafraseo un fragmento de “Nocturno”: A pálida lúa alumea no encoro que brila./Espello das douradas glorias, unha emoción de incendio/todo dorme so, semimorto, o rousiñol nocturno/modula en mal de amores a  tenra melodía.” Pero é verdade que eu prefiro o Merrill que alude, só vagamente, ás vellas mitoloxías: “Eu son o rei dos antigos tempos/o da cidade mergullada no mar,/entre golpes xordos das campás férreas/que anunciaron demasiadas primaveras”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *