Ler precisa bos dentes

alarmasX. Ricardo Losada. Conta G.K.Chesterton en Alarmas y digresiones (Editorial Acantilado) que paseando un día por un horto preguntouse por que lle gustaban tanto os hortos e, despois dunha longa reflexión, chegou á conclusión de que, aínda que lle parecían moi fermosos (“Poucas flores puramente ornamentais son tan etéreas como a pataca”, di), a verdadeira razón de que lle gustasen tanto era que contiñan cousas de comer. E engade algo que me encantou: “Calquera imaxinación poética que amase a solidez, a espesura das árbores, a forma cadrada das pedras, a dureza do barro, debe ter desexado algunha vez que fosen comestibles (…) Con razón dicimos de certas persoas que comerían ata as pedras; no museo de xeoloxía hai certos mármores carmesís, determinadas pedras verdes e azuladas que me fan desexar que os meus dentes sexan máis fortes”.

     En principio pareceume unha idea extravagante, pero axiña me decatei de que eu mesmo tivera moitas veces gañas de comer cousas que non eran comestibles e de non comer algunhas comestibles (callos, orella de porco, caracois) que moitos comensais consideran exquisitas. acantilado 1E con comer cousas que non son comestibles non me refiro a esas metáforas eróticas ou pedagóxicas, tipo comer o coño ou fame de saber, tan manidas. Refírome a sentir unha intensa frustración, peor aínda, por razóns obvias, que estar a dieta, por non poder meterlle o dente a cousas en principio non comestibles pero que che abren (literalmente) o apetito. De neno pasoume coas figuras de plastilina e os peletres; de mozo, coa camiseta dalgúns equipos de fútbol (recordo especialmente unha do Napoles) e os fulares da moza, e agora, coas cunchas de vieira e a lúa chea.

     Pero o máis curioso foi o que me pasou despois de ler ese artigo de Chesterton. Pechei o libro para reflexionar no que acababa de ler, e, sen saber por que, tiven moitísimas ganas de mirar a portada e, mirándoa, preguntei de súpeto por que me gustaba tanto o deseño dos libros da editorial Acantilado, ata o punto de que cando vou a unha librería é imposible que saia sen comprar algún. Axiña o tiven claro. acantiladoOs libros de Acantilado gústanme porque me dan gañas de comelos. De feito, mirando a portada daquel libro de Chesterton sentín máis fame ca nunca. Tampouco tardei en saber por que. Naquela portada aparecía a foto dun Chesterton mozo e tenro, pero igual de gordiño que sempre, e, a pesar do bigote, as gafas e o pelo ondulado, recordoume un deses saborosos cochinillos que eu tomara moitas veces nun afamado restaurante de Segovia. Podedes crerme. Devoreino co mesmo deleite.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *