Ramón Piñeiro e a poesía galega. No seu centenario (II)

Filosofía da saudade-1984Pastor Rodríguez. Se Rosalía, Pimentel e o primeiro Novoneyra foron os poetas favoritos de Piñeiro, outros dous poetas da Xeración das Festas Minervais gozaron do aprezo do lugués: Salvador García-Bodaño e Xosé Luís Franco Grande. Do primeiro recensionou Ao pé de cada hora en Grial, no ano 1968. Nel gabou a sobriedade, a manifestación do vivir profundo, con dous eixos na súa poética: o fondo elexíaco e o pulo da esperanza, é dicir, un polo negativo cara á Morte e un polo creador cara ao Amor. Un poeta que, para Piñeiro, non manexa ideas abstractas, senón vibracións das vivencias no ser: poesía lírica, sutil, no ronsel de Pimentel.

            No mesmo ano e na mesma revista comentou o premio Rosalía de Castro que recibira Franco Grande por Entre o si e o non, e como é natural admirou esa poética filosófica e vivencial, que amosa o drama da vida humana, presa entre a arela afirmativa e os límites da propia vida, do seu transcorrer. Recoñece en Franco Grande un mundo propio, orixinal, manifestado con sobriedade, fidelidade á vivencia e rigor interno. Unha poesía sinxela, natural, vivida que revela esa encrucillada da vida e a verdade íntima do home, a dialéctica do si e o non, da transcendencia e dos límites e manifesta así a soidade ontolóxica, a saudade. Dous poetas próximos a Piñeiro pola sinxeleza, o rigor, a vivencia dialóxica, a soidade ontolóxica, propias do pensamento do autor de Filosofía da saudade.

            Nesa xeración comentou a obra doutros poetas que estaban lonxe da súa visión esencialista e filosófica, pero sen moito entusiasmo. Así, de Manuel María recensiona o poemario para nenos Os soños na gaiola en 1969, destacando a importancia de crear para a literatura galega unha poesía para os pequenos e gabando o galego vivo e popular do autor, o ton lixeiro e livián axeitado aos destinatarios, pero censurando o abuso da axilidade verbal.

Foto: Manolo Blanco
Foto: Manolo Blanco

   En 1971 dá conta de Saudade no bulleiro, de Manuel Rodríguez López, onde sinala a lingua empregada, expresiva e sinxela, para sinalar os eixos da obra: a matria da infancia e a poesía ética e condenatoria da inxustiza social, á procura da dignidade do home.

            Home da Xeración do 36, sentiu pouco aprecio polo Carballo Calero poeta, gabou ao Cunqueiro prosista e interesouse pola poesía de Luís Seoane, moi lonxe ideoloxicamente de Piñeiro. Houbo polémica na recepción da obra de Seoane, pero aínda así Piñeiro gaba a novidade temática no tema da emigración, sinala o seu pesimismo pero recoñecendo que se corresponde coa realidade e o logro de cantar a epopea dos galegos anónimos da Galicia exterior. Na fin da súa vida, Piñeiro recoñeceu que a experiencia de Seoane abranguía a realidade total de Galicia: o mundo campesiño da infancia, a Galicia de preguerra, o mundo urbano e o drama migratorio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *