Lembranza de Max Aub, poeta

aub 1Miguel Mariño. Nacido en París en 1903, de pai alemán, foi español porque quixo selo, pois aquí vivía xa en 1914. E merecía mellor sorte, pois este país tratou moi mal a este gran escritor e botouno ao exilio. Ademais o seu partido, o PSOE, expulsouno como militante nos anos corenta, expulsión que foi un froito envelenado das liortas cainitas entre “prietistas” e partidarios de Negrín; só lle foi devolta a militancia cando levaba máis de trinta anos morto. Aínda que cultivou todos os xéneros literarios (poesía, novela, teatro, contos, microrrelatos, ensaios, historias da literatura) é apreciado sobre todo como narrador e dramaturgo e pouco como poeta. Aínda que por idade foi un home das vangardas, ás que contribúe antes da guerra con libros importantes de prosa (Geografía,  1929, Fábula verde, 1933, Luis Álvarez Petreña), de teatro (Narciso, 1928; Espejo de avaricia, 1936) e artigos, comezou a súa andaina como poeta postmodernista co volume Los poemas cotidianos (1925), que temos hoxe en facsímile (2005) grazas á Fundación Max Aub e á editorial valenciana Pre-Textos. O principal valedor do volume foi o crítico e poeta Juan Manuel Bonet, a quen tanto se debe no estudo das vangardas, que acompaña o poemario dun opúsculo titulado Max Aub: Crónica de su alba. Axeitadamente sitúa este primeiro poemario de Aub no Postmodernismo, unha reacción contra o exotismo e a suntuosidade modernista-simbolista.aub3 Un camiño que quizais xa está en Antonio Machado, pero que é moi evidente no prologuista da obra, Enrique-Díez Canedo, quen, como Aub, tivo que exiliarse en México. Está, pois, Aub neste primeiro libro, no ronsel do primeiro Chabás, de Domenchina, de Bacarisse, do Dámaso Alonso de Poemas puros, poemillas de la ciudad, do primeiro León Felipe, de Fernández Ardavín, de Moreno Villa, de Bacarisse e Saulo Torón, de Alonso Quesada e Río Sáinz, do Claudio de la Torre de El canto diverso, de Tomas Morales e Fernando Fortún, dos  sencillistas arxentinos (Fernández Moreno, Bufano), de Andrés González Blanco e o “nunista” Pierre-Albert Birot, autor tamén de Los poemas cotidianos (en castelán en 2014), tan eloxiado por Borges. Parafraseo dous poemas breves de Aub: “Randéase e danza//no lombo do meu libro//a chama”;”Absorbeu//a chama/a estanza e o meu eu”.

aub2Non foi o único volume poético de Aub, pois logo editaría A (1934), Diario de Djelfa (1944 e 1970), coas experiencias do campo de concentración no que estivo internado; Versos (1950), Lira perpetua (1959), Antología traducida (1963 e 1972), o volume con máis eco en España (recensionárono García López, Carreño e Carlos Murciano), Subversiones (1971) e Versiones y subversiones (1971). Contamos hoxe coa Obra poética completa (2001).

É, pois, algo máis Max Aub que o autor de La calle de Valverde (1961), da memorable e falsa biografía de Josep Torres Campanals (1958) ou dos minirrelatos de Crímenes ejemplares.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *