25º aniversario dunha traizón

bus 0X. Ricardo Losada. Cando souben que o equipo directivo do instituto no que traballo, o IES Félix Muriel de Rianxo, pensaba celebrar en xaneiro de 2016 o 25 aniversario do centro, indigneime. Borraban dezaseis anos de historia dese instituto. Na miña imaxinación inaugurouse en 1975, o ano que comecei a estudar BUP no instituto de Padrón. Cada vez que me deitaba desexaba con tantas ganas que ao levantarme pola maña iría ao instituto a Rianxo que cheguei a confundir desexo e realidade. Debedes ter en conta que pasei de dedicarlle cinco horas (tres pola mañá e dúas pola tarde) ao colexio, que estaba a douscentos metros da miña casa, a dedicarlle máis de doce horas diarias a un instituto sito a vinte quilómetros, viaxando nun autobús que, polas constantes fochancas, curvas e paradas, non superaba os 40 quilómetros por hora. Levantábame ás 7, chegaba a Padrón ás 8, agardaba unha hora que comezasen as clases, saía ás 2, comía nun restaurante, volvía a clase ás 4, saía ás 7, deambulaba unha hora polo xardín público, ás 8 collía o autobús de volta, chegaba á casa ás 9, ceaba, durmía, e volta a empezar. Así foron os meus días durante a que din mellor etapa da vida. Contéillelo o primeiro ano que traballei no IES Félix Muriel aos alumnos de 2º da ESO para que fosen conscientes da sorte que tiñan, e aínda tiven que aguantalos. Dixéronme que sorte a miña. Con ese horario, fóra da casa todo o día, non tería deberes nin que estudar para os exames, e podería xogar á Play sen controles paternos.

bus1 Por iso, cando Ana Rivas me pediu que escribise un artigo para a revista da Biblioteca celebrando este aniversario, no primeiro que pensei foi en vingarme. Ana non o sabe, pero collinlle manía cando veu traballar ao instituto de Rianxo. Pareceume feísimo que, sendo amigos desde a nosa etapa de alumnos no instituto de Padrón, e sabendo que a min me encantaría dar clase no instituto de Rianxo, viñese traballar aquí antes ca min e, por riba, o mesmísimo ano que se inaugurou o centro en Rianxiño. Aínda que non llo dixen, e seguín comportándome con ela como se nada, pareceume dun sadismo atroz. Xa me parecera inxusto ter que estudar nun instituto a 20 quilómetros da casa, que ela tiña a 200 metros, como para que agora viñese dar clase a 20 quilómetros da casa, e eu tivese que ir a Cariño, a douscentos quilómetros, tras catro autobuses e sete horas e media de viaxe. Que lle fixera eu aos deuses para que me castigasen daquela maneira! E iso non foi o peor. O peor foi sentirme traizoado por quen consideraba unha persoa nobre e bondadosa. Porque, se Ana sabía moito Grego e moita Cultura Clásica, que sabía, diso non tiña ningunha dúbida, o lóxico sería que fose dar clase ao Peloponeso. Pero como se lle ocorría vir ao instituto de Rianxiño se nin sequera sabía que no lugar onde fixeran o centro había un campo de fútbol no que eu xogaba aos 8 anos, entre xestas e toxos, cunhas porterías de dúas pedras e postes e traveseiro tan belamente imaxinarios como os deuses que ela explicaba. E aínda foi peor co paso dos anos. Tiven que aguantar que todas as xeracións de mozos rianxeiros (meus sobriños incluídos!) me falasen marabillas taumatúrxicas da profesora de Grego.

 marquesina-3    Permitide, xa que logo, que, como celebración deste feliz aniversario, conte un secreto que nunca lle revelei a ninguén e que, supoño, me vai deixar bastante mal diante de compañeiros e alumnos. Pregúntanme moitas veces por que decidín vir traballar ao instituto de Rianxo, a miña vila natal e, por riba, o tópos, que diría Ana, onde vivo e quero vivir, pois case ningún profesor quere traballar onde vive. É desas preguntas que sempre respondo de maneira diferente, en función de quen pregunte, e de como estea de ánimo, pero nunca digo a verdade. Direina agora. Quixen vir traballar ao Félix Muriel para vingarme de Ana Rivas. Agora ela ten o instituto a 20 quilómetros da casa, e eu a 200 metros. Moito disfruto cando a vexo chegar con cara de sono ou cando ten que quedar a comer ou cando non ten con quen volver a Padrón. Un mércores do ano pasado saín do instituto e vina na porta un tanto cabreada. Pregunteille que lle pasaba e díxome que por un problema de coordinación cun compañeiro, quedara en terra, e tiña que agardar dúas horas para coller o autobús. Canto o sinto, díxenlle, pero percorrín feliz e contento os douscentos metros que me separaban da casa, pensando nos moitos anos que tivera que agardar por aquel acto de xustiza poética.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *