Galicia e os galegos na poesía castelá XXVI. Rubén Darío

ruben 1Román Arén. A gran renovación hispánica en poesía é obra do nicaraguano Rubén Darío, aínda que se lle poden atopar precursores en Salvador Rueda ou Manuel Reina, e mesmo unha precursora, Rosalía, na liberdade métrica. Pero a orixe é francesa: parnasianismo, simbolismo, decadentismo, Verlaine ante todo. O primeiro poema que imos relacionar, vencellar con Galicia, é o “Soneto autumnal al marqués de Bradomín”, dedicado ao seu amigo Valle-Inclán, aparecido en Cantos de vida y esperanza (1905) (“Marqués (como el divino lo eres), te saludo./Es el Otoño, y vengo de un Versalles doliente./Había mucho frío y erraba vulgar gente./El chorro de agua de Verlaine estaba mudo”, no que o ton parnasiano se envurulla en ironía, pero é máis famosa a “Balada laudatoria a don Ramón María del Valle-Inclán”, pois fala de Galicia, de xeito medievalizante, pero en positivo:

Del país del sueño, tinieblas, brillos,/donde crecen plantas, flores extrañas,/entre los escombros de los castillos,/junto a las laderas de las montañas;/donde los pastores en sus cabañas/rezan, cuando al fuego dormita el can,/y donde las sombras antiguas van/por cuevas de lobos y de raposas,/ha traído cosas muy misteriosas/Don Ramón María del Valle-Inclán…

Valle mereceu aínda o “Soneto para el señor don Ramón del Valle-Inclán (“Este gran don Ramón, de las barbas de chivo,/cuya sonrisa es la flor de su figura…). Valle foi motivo poético para outros poetas: Antonio Machado, Antonio Palomero, Xavier Boveda, Luis Araquistain, Francisco Luis Bernárdez, Gerardo Diego e outros, que sei que o profesor Alonso Montero recolleu. Con Rosalía e Castelao, Curros e Franco, é o galego con máis cantores. Se aos galegos nos preguntasen que elementos consideramos máis enxebres, estou seguro que a gaita aparecería en case todas as respostas (co carro, o cruceiro, o caldo…), e non me deixará mentir a antoloxía A gaita, o gaiteiro e os gaiteiros na poesía galega (1853-2012), que Alonso editou en 2012, con vinte e nove poetas en galego, pero hai que lembrar que en castelán foi cantada a gaita por outros poetas: Luz Pozo Garza, Antonio Rey Soto, e aínda por moitos máis en galego: Xulio Sigüenza, Cunqueiro, Pimentel, García Teijeiro, Zapata García, Rey Romero, Rubinos, Paz Lestón, Puente Brañas, Iglesia Alvariño, Cacheiro Varela, Xosé Mª Álvarez Blázquez, Cabada, Eladio Rodríguez… ruben 2Pero tamén por Rubén Darío en “Gaita galaica”, soneto do libro Poema del otoño y otros poemas (1910), fermoso poema que traduciu en 1918 Evaristo Correo Caderon para <A Nosa Terra> e que tamén reproduce Alonso. Non sigo a súa edición, senón a orixinal, sen pór as miñas pecadoras mans no texto:

Gaita galaica, sabe cantar/o que profundo e doce nos é./Dis d’amor, e dis despois/d’un amargor com’o da mar./Canta. E o tempo faremos danzar/o fino verso de rítmicos pés./Xa nol-o dix’o Eclesiastés:/tempo hai de todo; hai tempo d’amar,/tempo de ganar, tempo de perder,/tempo de prantar, tempo de coller,/tempo de chorar, tempo de reír,/tempo de rachar, tempo de coser,/tempo d’espallar e de recoller,/tempo de nacer, tempo de morrer.

Con este poema dialogará o galego-arxentino Francisco Luis Bernárdez en 1922, no libro Bazar, co texto “Gaitero”:

“Hermano Rubén:/el alma, de estopa/canallesca,/de la tropa guignolesca/del bazar,/¿no dice también, este sollozar/trémulo de amor,/de aquel amargor/como de la mar?”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *