Dúas pragas nunha

esclerofFernando Losada Rodríguez. O pobre Xurxo leva 20 anos convivindo cunha praga na súa casa. Xa se ve na foto: non hai peza de madeira a salvo do ataque dos carunchos (en castelán, carcomas) que, pouco a pouco, van comendo os mobles ata deixalos furados como un queixo emmental (que non gruyère). El cría que cazándoas cada verán e botando gasóleo cunha xiringa polos buratos conseguiría acabar para sempre coa praga, pero a realidade é máis complicada do que parece.

Aínda que moita xente os mete no mesmo saco que as bolboretas e as avelaíñas, os carunchos de Xurxo son parentes dos escaravellos e as xoaniñas. Son da especie Anobium punctatum, e miden ata 9 milímetros. A maior parte do tempo están quietos, e son doados de coller coa man (pero poden voar). Os adultos, por sorprendente que pareza, non se alimentan, senón que dedican as súas tres ou catro semanas de vida a buscar parella, aparearse e poñer ducias de ovos en calquera greta de madeira; en poucos días, rompen o ovo e del saen larvas que poden tardar, ata tres anos! en madurar. Durante ese tempo, as larvas comen a madeira e crean ao seu paso pequenas galerías nos mobles, deixando rastros de serraduras. Finalmente, sitúanse preto da superficie e rodéanse dun casulo (como a crisálida das bolboretas) e entre maio e agosto, saen da galería convertidos en adultos para repetir a historia.

Pero non son a única praga da casa. Por desgraza para eles, e por sorte? para Xurxo.

Meses antes, Xurxo tiña visto outros insectos semellantes a formigas e pensaba que tamén serían comedores de madeira, pero nada máis lonxe da realidade: son esclerodermas (Sclerodermus domesticus), parasitos dos propios carunchos, polo que (en parte) son os aliados de Xurxo na loita contra estes. Tras aparearse, as femias de escleroderma métense polos túneles escavados polos carunchos e pican co seu aguillón as larvas destes para paralizalas, e introducirlles os seus ovos. Ao saíren destes, as larvas de escleroderma aliméntanse do corpo das larvas de caruncho. É un exemplo de «loita biolóxica» e un paradoxo curioso: unha praga que serve para conter outra praga.

Pero a diferenza do caruncho, a escleroderma (parente de formigas e abellas) pode picar o ser humano (xeralmente de día e con luz), e aínda que o seu veleno é menos molesto ca o dun mosquito, nalgunhas persoas pode provocar reaccións alérxicas.

A este problema súmase o que causan os carunchos que, se non se conteñen, poden reducir a serraduras os mobles da casa (e por sorte, falamos de carunchos e non de térmites).

Na natureza cumpren o imprescindible papel de reciclar a madeira morta pero, como van saber eles que os nosos mobles non se deben comer? A Xurxo, o único que lle interesa é non ter pragas na casa; así que, ten varias opcións: aplicar verniz específico contra os carunchos (sen estes, desaparecen as esclerodermas); inxectar insecticida en cada un dos miles de buratos, e o mellor momento para iso é cando saen as larvas (outono e primavera); ou cambiar os mobles por outros que non sexan de madeira. E se o problema é grande (se a estrutura da casa é de madeira), sempre pode chamar unha empresa especializada.

Parece mentira o problema que lle causan ao pobre Xurxo uns animais tan pequenos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *