As mulleres de Asilah

asilah 1Xerardo AgraFoxo. Aparecen…, envoltas nas xilabas e cos cabelos ocultos. É o mediodía. Camiñan decididas entre portas azuis e muros brancos. Coas súas voces asolagan o silencio que abrolla nas rúas da medina. Van cara a unha casa –a escola– empoleirada á beira dun cantil batido polo mar.

     Hai uns meses, Amina Filali, unha rapaza de 16 anos suicidouse tragando un potente matarratos. Non soportaba o inferno co seu home, nove anos maior, que a violara e nunca deixara de maltratala. A arrepiante historia sucedida nunha pequena aldea do norte conmocionou a opinión pública. Pero o Código Penal librou do cárcere o violador porque aceptou contraer matrimonio con ela. Os pais asumiron a voda como unha forma de “lavar” a honra da filla agredida. Violárana dúas veces. O fatal desenlace de Amina tivo, finalmente, unha recompensa, un amargo desagravio que para ela chegou demasiado tarde. Dende hai uns días o Parlamento suprimiu a impunidade penal para os agresores sexuais.

 asilah 2 Aparecen…, e conversan cos seus rapaces. Son mulleres humildes e reservadas. Coa súa presenza –e as chanzas dos cativos– as calellas ferven. Uns intres despois, como se as engulira a brétema, desaparecen entre os recantos do labirinto caleado. Son nais comprometidas cos seus fillos, mozas bérberes que –agora– teñen recoñecidos os seus dereitos.

    Semellan máis libres, grazas a Amina.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *