A deusa das pequenas vitorias, de Yannick Grannec

la diosaXerardo AgraFoxo. Esta é a historia de Anna Roth, unha documentalista da Universidade de Princeton, que intenta recuperar os arquivos de Kürt Gödel, un matemático austríaco afectado por graves problemas psicolóxicos. Para tal cometido, precisa gañar a confianza da súa viúva, Adele Nimbusky, unha anciá, lúcida e amargada, que vive recluída nun centro para a terceira idade. Ela resístese a entregar o Nachlass –nove metros cúbicos de papel– que teñen un gran valor científico. A deusa das pequenas vitorias (2015) cóntase a partir de dous planos. Nos capítulos impares, unha voz omnisciente revela os encontros das dúas mulleres nunha residencia de anciás de Doylestown. Nos pares, Adela narra a súa vida a carón de Kurt, na que destaca a súa fuxida –a través do Transiberiano– cara a Princeton, onde entran en contacto con Albert Einstein, sofren as consecuencias do macartysmo e a incertezas do magnicidio de Dallas.

yanicEsta biografía novelada é unha homenaxe a Adele, o anxo gardián do científico, ata o punto de que cando tivo que ser ingresada nun hospital, el morreu de fame pois nunca comía nada que non probase antes a súa “catadora de velenos”. Como as referencias ás matemáticas son breves –os traballos de Cantor, os problemas de Hilbert e a hipótese do continuo de Gödel–, a obra lese con emoción, interese e agrado. Talvez por este motivo, A deusa das pequenas vitorias gañou o Premio dos Libreiros Franceses 2013 e leva vendidos máis de 120.000 exemplares no país veciño.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *