Estampa. De que está construído o silencio?

marquesXabier L. Marqués. Do saboroso e coruscante ataniscar de arumes, rebentos e fronza, das eguas que neste mesmo instante veñen de abeberar nun manancial que a forza de correr discorrer e transcorrer comeza a semellar un espello transparente sen azougue no que os seixos e as pequenas herbas loitan por se achegaren a rolos á superficie e pastar tamén, silandeiros… Da espera paciente dos poldriños que apenas se albiscan tras dos piñeiros ananos coa súa cabeza case axeonllada e aínda pouco varuda como ten que ser a pequena cabeza dos poldros que agardan por se aleitaren… Dos murmurios das moscas que o arrodean todo transmutadas en abábaros que abesullan e xogan ao tío vivo perseguindo as carruaxes e os aeroplanos que non deixan de se afastaren nun ar máis azul reberetado de serpentíns maculados e de trazaren piruetas inverosímiles ao xeito dos bucles cos que amalloaban ceo e terra os vellos aparellos que se penduraban no ar e xogaban a seren papaventos que voaban como bolboretas de papel… Dos pasos amortecidos en sordina da memoria ateigada do rumor dos recordos brazados nun mañizo ao que se pode chamar Lembranza ou linde onde se perden, esvaecendo a derradeira nota dun son recidivo ou Eco que, antes de se precipitar polos cantís, agatuña e procura as frangullas do camiño de ida, que son as que, en realidade, causan dor, pois teñen as gadoupas salvaxes coas que se constrúe a Esperanza, que máis que un proxecto é un proceso de vaporización pois está sempre nun horizonte ao que non se ha chegar, ou si, pero xa non sería horizonte……

Todo principia a se despedir do fulgor da luz e vaise engradando de sombras e de silencio. Ás toas achégase o trote opaco e dubitativo das incertezas… O borboriño do outono… Un ourizo está a piques de se desprender… En silencio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *