Falemos de Nina Simone

nina1Gonzalo Trasbach. Veu ao mundo no seo dunha familia humilde e tiña un don innato para a música. Adestrouse dende nena para chegar a ser unha pianista clásica. Pero a cor negra da súa pel resultou un atranco definitivo para superar o corte de admisión no Curtis Institute de Filadelfia. Contaba 17 anos. O rexeitamento racista impediulle acadar os luxosos púlpitos da música clásica e condenouna a cantar nun bar cutre de Atlantic City. Nacida coma Eunice Waymon nunha aldea de Carolina do Norte (1933), pero bautizada artisticamente coma Nina Simone, ao parecer na honra da actriz francesa Simone Signoret, aquel traumático episodio marcou a carreira dunha das máis célebres damas de ébano do jazz e do soul. Pois, se aquel doloroso feito abortou a posibilidade de que se convertese na primeira pianista clásica negra, tamén foi clave para que forxase unha voz inclasificábel, creativa e rebelde, á vez que irascíbel, depresiva e sempre insatisfeita. Unha voz que hoxe en día reivindican artistas como a potente Erykha Badu ou Jamie Cullum.

Momentos lustrosos e brillantes alternáronse con outros de total ostracismo ao longo da súa intensa e tumultuosa vida. Pero trala súa morte no 2003 en Francia, o seu país de adopción, abriuse un amplo abano de recoñecementos que arestora engorda cun aluvión de películas e un tributo musical. Ademais, as tensións raciais que se teñen vivido nos últimos meses en USA, serviron para recuperar o prestixio do seu activismo político. A súa figura agrandouse coa publicación de dúas biografías e unha colección de poemas. Tamén se lle dedicaron dúas obras teatrais, e mesmo se ten sampleado a súa voz en éxitos de Jay-Z e Kanye West.

nina3O pasado verán estreouse un documental sobre a súa vida e traxectoria artística: What happened, Miss Simone? Dirixida pola norteamericana Liz Garbus e producida, entre outros, pola súa filla Lisa Simone Kelly, a cinta mergullase, a través de testemuñas, arquivos musicais e entrevistas, na azarosa existencia da cantante e pianista: as súas humildes orixes, os primeiros éxitos nos escenarios de Nova York a finais dos 50, o seu debut nos festival de Jazz de Newport, a súa consagración coma diva, a su conversión ao compromiso político, os seus tormentosos amores, e o seu exilio africano e europeo. Presentado no último festival de cine de Sundance, onde gozou dunha cálida acollida, o documental reflicte o combate dunha muller que loitou pola liberdade da súa arte, da súa música e identidade coma afroamericana e así mesmo a orgullosa reivindicación da súa negritude: Black Is Beautiful.

Logo dunha longa e dura travesía polos mares do esquecemento, a fama volveu chamar á súa porta. No 1986 Ridley Scott rescatouna do ostracismo no que se consumía. O director británico elixiu un mítico tema dela coma banda sonora do anuncio televisivo que estaba rodando para Chanel número 5: My Baby Just Cares for Me. Outra das cancións que interpretou, a turbadora Put A Spell On You, escoitase en 50 sombras de Grey, aínda que neste caso na versión que realizou recentemente Annie Lennox. Dous novos filmes sobre Nina están en lista de espera e nos vindeiros días posiblemente verá a luz o biopic Nina (Cynthia Mor), que nace envolto na polémica, ao ser acusado de enmascarar e edulcorar a súa figura, comezando pola protagonista, a dominicana Zoe Saldana, que ten a pel moi clara.nina2 No eido musical, xa está á venda Nina Revisited. A Tribute to Nina Simone, unha recompilación dos seus grandes éxitos  interpretados por cantantes contemporáneas coma Mary J. Bliger e, sobre todo, a formidable Laury Hill que, ademais de poñerlle voz a seis temas, o produce.

Tal coma xa tiña adiviñado e previsto, morreu aos 70 anos en Francia, devorada polo cancro o 21 de abril do 2003. Se trala desaparición de Billie Holiday, á que rendeu tributo en Pastel Blues (1965), ela ocupou o escenario coma a nova sacerdotisa do jazz, logo do teu desterro definitivo, amada Nina, nós quedamos mudos, atrapados no silencio dos cemiterios.

2 comentarios en “Falemos de Nina Simone

  1. Coincido con moitos dos teus gustos literarios e musicais, tal e como os expós nestes cafés, e nunca comentei nada. Con Nina Simone apetéceme dicilo.
    Apertas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *