A xeografía como saber estratéxico

xeografia 1Pedro García Vidal. Con frecuencia a lectura dun novo libro lévanos, por contraste, complemento ou sen razón aparente, a esculcar nos andeis da biblioteca na procura de vellas lecturas que tiñamos esquecidas. Iso é o que me sucedeu logo do sorprendente e controvertido  La venganza de la geografía (RBA, 2013), de Robert Kaplan -un libro sobre xeopolítica que leo coa esperanza de comprender mellor o mundo- no que a xeografía é, segundo o autor, un “pano de fondo” indispensable para o drama humano das ideas, a vontade e o azar. Interesoume, sobre todo, a análise xeopolítica futura na que, segundo o autor, a xeografía é o destino e potenciada pola historia xogará un papel determinante no debuxo das novas fronteiras pola hexemonía. Esta mirada prospectiva do conservador Kaplan, conduciume ao encontro de Yves LacosteHenri Lefebvre. Tamén eles -intelectuais marxistas franceses dos anos setenta- actuaron dende a xeopolítica como visionarios, predicindo dalgunha maneira o que pensaban acontecería no futuro. Leo e recoñézoos como plenamente actuais.

    A función de saber estratéxico que Lacoste concedía á xeografía, que a converte nun “temible instrumento de forza para os que ostentan o poder”, segue hoxe vixente. Na actualidade, ao igual que sucedía nos anos en que Lacoste escribía o seu polémico La Geografía: un arma para la guerra (1976), proliferan os discursos que versan sobre a ordenación do territorio, en termos de harmonía, de busca de mellores equilibrios, tralos que se agochan, na maior parte dos casos, medidas para aumentar os beneficios duns poucos. Coñecedores de que mapas e planos son para quen non aprendeu a lelos, papeis sen sentido, políticos, promotores e técnicos non titubean en practicar a “concertación” e en presentar proxectos e Plans, pois as obxeccións son escasas e de doada solución. Desta maneira, ante a difícil comprensión, a xente non se decata do engano e os cambios convértense en irreversibles. Así, a apropiación capitalista das cidades, que Lefebvre denunciaba en La revolución urbana (1970), é hoxe un feito moito máis escandaloso, un monstro colosal que cobre de formigón o territorio e contra o que a cidadanía está orfa, por ignorancia, de ferramentas críticas.

   xeografía 2  A pretendida idea de que na xeografía non hai nada que entender, que unicamente precisa de memoria, leva implícita a sensación da súa inutilidade, unha das falacias máis hábiles e graves que funcionou e funciona con maior eficacia. Saber pensar o espazo, a razón de ser da xeografía, é hoxe máis que nunca unha necesidade, pois como apuntaba Lacoste no seu radical e polémico título “o saber é unha forma de poder, e todo o referente á análise espacial debe ser considerado perigoso, pois a xeografía serve fundamentalmente para facer a guerra”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *