Rémy de Gourmont: un centenario

remy1Román Arén. En 1915 morría en París Rémy de Gourmont, erudito, crítico, poeta simbolista e, sobre todo, magnífico prosista, aínda hoxe moi reeditado, quizais con Schwob e máis coñecido dos prosistas decadentes-simbolistas. Nacera en 1858 en Bazoches-au Houlme e viviu sempre co prolbema da súa pel, que o levou a vivir pechado anos para non ser visto. Como poeta destacou con Letanías da rosa (1892), Divertimentos (1912) ou Malas oracións (1900), nos que vencella a tradición decadente coa simbolista. Pero eu recoñezo a mña preferencia polo prosista, polo autor das Cartas á amazona,  polo autor dos diálogos (circula en Trama Una noche en el Luxemburgo, 2008) e por esas dúas obras mestras que son O libro das máscaras e Colores, este último moi fermosamente editado por Barataria en 2008, con ilustracións de Odilon Redon e tradución de Juan Diego Martín, un libro de relatos e pequenas pezas dialogadas onde dá o mellor de si mesmo. Foi novelista (Mariette, Le fantôme), xénero no que só lle coñezo Un corazón virxinal e Sixtine.

remy2Na súa época foi moi respectado como ensaísta por obras como Proménades littéraires (1904-1912), O problema do estilo (1902) ou O latín místico (1892), pero tamén fixo teatro (Théodato, 1891; Lilith, 1892) e contos: O peregrino do silencio, 1896; Dun páis de lonxe, 1898). A súa fama tapou a do seu irmán Jean de Gourmont (1877-1928), narrador, crítico e biógrafo.

Foi, Gourmont, moi admirado por Apollinaire, Gómez de la Serna, Cendrars ou Gide. Pola miña biblioteca anda tamén Pasos en la arena (Periférica, 2006), en tradución de Luis Eduardo Rivera. Trátase de aforismos, xénero que cultivou no ronsel de Antoine de Rivarol e provocou a admiración de Camus. Velaí, no castelán da tradución, tres exemplos: “Un oyente que comprende es la mitad del discurso”; “El sacrificio es apreciado sobre todo por quienes lo aprovechan”; “Todos los niños son pequeños prodigios de inteligencia antes de convertirse en los idiotas que pueblan el mundo”.

Penso que acerta Rivera ao afirmar que foi Gourmont o que inaugura o ensaio moderno en francés, e está aínda moi vivo porque segue a gran tradición do xénero: Montaigne, Diderot, Bayle: áxil, lúcido, sen medo, imaxinativo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *