Os barcos do exilio, da Casa da Gramática

os barcosInés Otero. A revista escolar Casa da Gramática, unha obra do Instituto Virxe do Mar de Noia, acaba de publicar, dentro da súa colección Porta Azul, un libro de 250 páxinas dedicado a un tema ben interesante sobre a Guerra Civil española: Os barcos do exilio. O volume conta con quince traballos. Sobre as terras vinculadas coa nosa comarca destacan as investigacións de Xerardo Agrafoxo (O Santa Rosa e o Santa Eulalia camiño da liberdade), Francisco X. Fernández Naval (A memoria do As e o esquecementos dos vencidos) e Xoán Mariño (A odisea dos republicanos noieses). Tamén se reflicten as peripecias sufridas por outros republicanos galegos, como son as expostas por Eliseo Fernández (Teresita, Carmiña e Ramón: navíos salvadores nas rías de Ares e Ferrol), Teresa García Domínguez (De Malpica a Perú no Winnipeg: pioneiros dunha rede migratoria galega), Rosa María López González (El último viaje de la Golondrina hacia la libertad) e Hixinio Fuentes (Fugas dende a bisbarra do Ortegal e a Mariña lucense). Tamén existen outros traballos de recoñecidos expertos na materia como Dionisio Pereira, Ruy Farias, Gustavo Hervella, José María Leal Bóveda, Bernardo Máiz, Luís Martull, María Luisa Julia Pazos e Lino Pazos.

O volume, coordinado polos profesores do Instituto Virxe do Mar (Xavier Castro, María Golán e Raúl Soutelo) conta ademais con dúas achegas poéticas, escritas por Marta Dacosta (Tres poemas) e Xosé Carlos Domínguez Alberte (Ipanema), e unha axeitada “proposta didáctica” realizada por Raúl Soutelo. A portada do libro é unha obra do artista Baldo Ramos, un habitual colaborador da emblemática Casa da Gramática, unha das achegas máis salientables no eido cultural noiés.

Parabéns aos promotores desta obra e, como di Xoán Mariño na Coda do seu traballo, “honor aos valentes que sufriron a persecución da criminal ditadura franquista”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *