O alcume que ascendeu a heterónimo

pessoa0X. Ricardo Losada. Chamoume hai uns meses Chalo Carolo, un amigo de Padrón, para preguntarme se me apetecía asistir a unha cea do equipo xuvenil de fútbol do Arousa, do que os dous formáramos parte. Recordei algúns nomes (Marcelino, Moncho, Pepucho, Rafa Sáez, Casal, Fariña, Rodrigo, o entrañable directivo Celso…) e dixen inmediatamente que si, consciente de que había 37 anos que non os vía. A cea cumpriu as expectativas, e foi un reencontro moi agradable. Pero houbo un detalle que me emocionou especialmente. Nada máis verme, Rafa Sáez díxome: Jandarolas! Quedei sorprendidísimo. Jandarolas era un dos nomes que utilizaba nunha adolescencia na que lía con admiración ao anarquista Bakunin, ata o punto de firmar os libros de texto con ese nome. Chamábanmo os amigos máis próximos, e desde aquela non volvera oílo.

 Bakunin6    Debo aclarar que o meu nome de bautizo, José Ricardo, nunca me gustou. Pero tiven sorte. Por ser un nome composto, a xente cambiábamo. Jos, Ricardo, Joseri, José, Jose, J.R., Jo, e, sobre todo, Josito, que é como me chamaron sempre, de forma espontánea, meus sobriños, un nome que valoro moito porque confirma unha das miñas conviccións máis profundas: o neno que fomos segue vivo dentro de nós toda a vida. De feito, estou seguro que é ese neno o que disfruta tanto cos moitos alcumes que me teñen posto. De pequeno un tío meu chamábame Al Capone porque era moi traste, e ao pouco xa me chamaba Capón moita xente. Hoxe é un dos meus nomes preferidos pois é como unha antigüidade ou, mellor aínda, como unha máquina do tempo. Cando mo chaman dous ou tres amigos da nenez cos que apenas manteño unha relación de saúdo, proxéctanme instantaneamente a aqueles remotos anos. Pásame o mesmo con outros nomes, como Moses, da miña época de afeccionado ao atletismo, Ringlietti, da miña época de estudante, ou Champi, de cando era monitor deportivo. E danme pena moitos outros que quedaron polo camiño e que nunca máis oín, como aquel Heidi que me puxeron os meus primeiros alumnos de instituto porque a calefacción e os nervios púñanme dous simpáticos coloretes nas meixelas.

pessoa     Encántame esa variedade de nomes, entre outras razóns, porque é moi práctico. Se me chaman por teléfono e preguntan Está Ricardo?, sei que é alguén do instituto. Se preguntan Está Jos?, un familiar ou un amigo íntimo. Se preguntan Está Xosé Ricardo?, un escritor ou alguén relacionado coa cultura. Se preguntan Está José Ricardo?, alguén relacionado co fútbol… Pero a verdadeira razón de que me gusten eses nomes e alcumes é que me dan a sensación de que teño múltiples personalidades e, para unha persoa coma min, amante da inercia e a discreción, é moi grato e enriquecedor. É algo que aprendín do escritor portugués Fernando Pessoa: de vida aparente moi monótona, levaba unha vida interior riquísima, ata o punto de convivir con máis de cincuenta heterónimos, con personalidade e obra propias, que mesmo escribían críticas na prensa dos seus libros. Algo parecido me pasou a min cando Rafa Sáez me chamou Jandarolas. Sentín que ese vello alcume se convertía nun heterónimo, e que aquel mozo anarquista me criticaba con dureza por converterme no burgués que tanto odiaba de adolescente. Eu, por suposto, defendinme chamándolle inxenuo e, desde aquela, mantemos unha tensa e frutífera conversa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *