Fontán (I), o perfecto ilustrado

1Pedro García Vidal. Esta novela conta con paixón e rigor histórico a vida dunha persoa extraordinaria como foi Domingo Fontán Rodríguez, ilustrado, matemático e topógrafo, que elaborou o primeiro mapa científico de Galicia. Perfecto equilibrio entre recreación histórica e retrato dunha personalidade complexa, sempre na loita pola causa liberal e polas ideas máis adiantadas do seu tempo. De seguro, este libro de Marcos Calveiro colaborará ao coñecemento dunha figura ilustre que, como tantas outras en Galicia, permanece no escuro recuncho do esquecemento. Pero, quen foi Domingo Fontán e que tipo de vinculación mantivo coas terras de Noia e Lousame que tan ben reflicte a novela de Marcos Calveiro?

O día 17 de abril de 2010, aniversario do nacemento de Domingo Fontán Rodríguez (Portas,1788-Cuntis,1866), os concellos de Noia e Lousame festexaron nunha emotiva homenaxe a memoria dunha das personalidades máis ilustres de Galicia. O descubrimento dunha placa na fachada do edificio da actual Praza de abastos noiesa -onde na infancia pasara Fontán felices períodos estivais- xunto coa apertura dunha exposición sobre a Cartografía de Galicia no Coliseo Noela, e unha visita á antiga papeleira do Castro, coñecida como fábrica de Fontán, completaron o catálogo de actos de homenaxe ao insigne cartógrafo de Portas, Pontevedra.

fontan5Domingo Fontán Rodríguez, cuxos restos repousan dende o ano de 1988 no Panteón de Galegos Ilustres a carón de Rosalía de Castro, Alfredo Brañas, Ramón Cabanillas, Francisco Asorey e Castelao, segue sendo un ilustre esquecido para a grande maioría de persoas e a súa grandiosa obra, o primeiro mapa topográfico de Galicia, apenas recoñecida. Porén, este pontevedrés de Portas, dedicou 17 anos da súa vida a recorrer cada recuncho de Galicia para trazar un mapa co que Ramón Otero Pedraio, outro ilustre xeógrafo, embarcou cara América convencido de que con el ía “toda Galicia”.

A loita contra o caciquismo e a abolición dos inxustos foros que oprimían o campesiñado galego, levouno á participar na loita política nas filas do Partido Liberal, partido polo que foi deputado pola provincia de Pontevedra en 1837, ocupando o posto ata 1843 en que se retirou. Anos antes, a súa militancia liberal, producira a súa expulsión da Universidade nos anos convulsos da restauración absolutista de Fernando VII, posto que recuperará uns anos máis tarde.

Como ilustrado emprendedor participou, xunto co seu irmán Andrés, na xestión empresarial dunha das primeiras e máis importantes fábricas de papel de Galicia, a fábrica instalada ao pé do río Vilacoba, no lugar do Castro no Concello de Lousame. Igualmente, traballou tamén no deseño do trazado da primeira liña férrea de Galicia no ano de 1858, que uniu Santiago con Carril.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *