Fontán (III), a súa magna obra: a Carta Xeométrica de Galicia

3Pedro García Vidal. Domingo Fontán, xeógrafo e matemático, pasou á historia por ser o autor do primeiro mapa realizado con rigor científico en España. Concibiu Fontán a xigantesca idea de realizar un mapa de Galicia levantando o plano xeodésico do país; establecendo vértices e medindo ángulos e alturas; determinando a situación exacta de lugares, ríos, vales e montañas para entregarnos a que modestamente denomina “Carta Xeométrica”, monumento á entrega, esforzo e teimosía, tanto polo atraso en que se atopaban os coñecementos de topografía nesta terra, como polas deficientes comunicacións e falta de medios económicos con que contaba. Para iso, movido por un íntimo amor á terra e á ciencia, camiñou durante 17 anos pola movida topografía galega subíndose a cadansúa das súas montañas e outeiros para alumear unha obra dunha importancia e calidade excepcionais que situou a Galicia na vangarda xeográfica.

A Carta Xeométrica de Galicia, a grandiosa obra de Domingo Fontán impresa en París no ano 1845, é un mapa físico que pola fidedigna representación cartográfica do territorio galego, deu en chamarse “o rostro do país”. A súa importancia radica en que foi o primeiro mapa topográfico feito con métodos científicos e medicións matemáticas. O complicado levantamento da enrugada fisiografía de Galicia mediante precisas medicións sobre o terreo foi un labor sen precedentes. Ata entón os cartógrafos facían os seus mapas, na maioría dos casos, baseándose noutros, sen medidas reais e con frecuencia sostidos en meras descricións, dando lugar a unha xeografía de gabinete que perpetuaba os erros por décadas.

Fontán, convencido de que a solución aos problemas de desenvolvemento de Galicia, especialmente os problemas de comunicacións, precisaban da existencia dun bo mapa do territorio, dun soporte cartográfico rigoroso como base imprescindible de referencia de todos aqueles feitos socioeconómicos localizables espacialmente, consagrou os seus aforros, saúde e tarefas científicas durante 17 anos, á elaboración da Carta (1817-1834). fontan4Para a realización desta inxente obra, o xeógrafo de Portas vai aproveitar os avances científicos así como os instrumentos de medida máis novidosos do momento en Europa, co que vai situar a cartografía galega á vangarda do mundo. Novidoso foi o tecido dunha malla triangular sobre o territorio con vértices nos cumes de montes e outeiros, un universo de rectas e ángulos referenciados a un “punto cero” colocado na Torre do Reloxo da Catedral de Santiago, dos que logo de complicados cálculos xurdiría a imaxe máis perfecta de Galicia coñecida ata entón. Novidoso foi tamén a forma de representar o relevo mediante a utilización de pequenos trazos en dirección da máxima pendente que proporcionan unha sensación de profundidade. A maioría das alturas dos cumes montesíos calculáronse co emprego do barómetro, fixándoas curiosamente sobre o nivel do mar en Noia, pois aquí o seu irmán Andrés, veciño da vila, en horas prefixadas encargábase de anotar a presión e temperatura á par que Fontán o facía nos puntos que quería medir. Igualmente salientable foi a escala elixida para a Carta. “Levantada y construída en la escala del cenmilésimo” (1:100000) supuxo o feito transcendental da introdución do sistema métrico decimal. A decisión de usar o metro como unidade de medida foi un feito precursor pois esta medida de lonxitude non será oficializada en España ata 32 anos despois cando se proceda á unificación de pesas e medidas. En definitiva, pode considerarse que a obra cartográfica de Fontán supón a introdución e desenvolvemento de técnicas e métodos que conducen desde entón á cartografía pola vía do cientifismo para conseguir o primeiro mapa realizado en España con rigor científico mediante métodos matemáticos. O resto do territorio español non tivo nada semellante ata 130 anos despois.

A carta de Fontán, a mellor radiografía dun territorio durante o século XIX, será a base cartográfica durante cen anos de tódolos proxectos que teñan relación co espazo galego. Soamente logo do levantamento das follas do Mapa Topográfico Nacional a escala 1:50000 correspondentes ao territorio de Galicia nos anos corenta do pasado século, vai verse mellorada a obra do ilustre xeógrafo, e o seu grao de detalle só foi superado pola nova cartografía feita por satélite. Pero o seu poder evocador, que cativou a Cunqueiro ou Otero Pedrayo, e provocou bágoas de ledicia entre a diáspora de Bos Aires que veu no preciso mapa un “recordo feito corpo”, nunca será superado pola moderna cartografía dixital, posuidora da perfección pero carente da alma e o alento da terra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *