Festexos taurinos en Porto do Son

touroPatricia Torrado Queiruga. É por todos coñecido que en numerosos lugares da xeografía da nosa bisbarra ao longo do século XX houbo corridas de touros durante as festas populares de cada vila, o que ademais de convertese nunha atracción para a xente destes pobos, tivo tamén unha importancia económica nada desprezable.

Unha parte dos touros, novelos e becerros bravos que se criaban en liberdade na serra do Barbanza, remataba participando en festexos taurinos, os máis famosos en Noia, aínda que tamén noutras localidades da zona costeira como Ribeira, Muros, Lousame, e tamén no caso de Porto do Son. Así, xa en 1893 aparecía unha crónica na que rezaba «se ha verificado la anunciada corrida de novillos en la plaza pública de esta localidad. Los novillos eran de Barbanza y han dado bastante juego, pudiéndose calificar de relativamente buenos. La plaza llena totalmente reinando gran animación».

Tal foi a acollida que estas actividades tiveron nesta vila que, nas ordenanzas municipais do concello de Porto do Son de 1905, chegan a regularizarse, e na sección terceira dedicada a espectáculos e diversións públicas, no artigo 40, dise: «Nas corridas de novelos que se celebren nesta vila e no seu distrito prohíbese tanto a lidia con vara longa que no extremo teña un ferro ou unha aguillada, como varear os novelos con varas de calquera tamaño, así como guindar á praza toda clase de obxectos que puidesen causar danos aos becerros e aos lidiadores».

Vendo que estes festexos taurinos, que se celebraban durante as festas patronais, eran economicamente rendibles, na sesión supletoria do 5 de agosto de 1914, sendo alcalde José Antonio Louro Louro, o señor Francisco Alvite Becerra solicitou o arrendamento por catro anos dunha parcela de terreo sobrante da vía pública, no campo de Santa Irene, cunha extensión de 1.225 metros cadrados, co obxecto de construír unha praza de touros de madeira para festexos con novelos en diferentes épocas do ano que coincidirían coas festas que de costume se celebraban na vila. O concello valorou positivamente aquela proposta e decidiu concederlle a autorización polo prezo de 500 pesetas ao ano.

Ese mesmo ano, o día 8 de setembro, en plenas festas, celebrábase a primeira corrida de xovencos, procedentes dunha gandería de Salamanca, estoqueados por afamados lidiadores madrileños.

Esta tradición chegou ata preto dos anos trinta do século pasado, xa que unha crónica das festas de 1927, que asinaba o pseudónimo Son Eu, narrábase: «Temos un redondel disposto e acondicionado no que se lidian bichos do Barbanza».E asegura que ese ano gozarían a medias do redondel, posto que habería novelos dunha afamada gandería castelá que deixarían fóra os touros do Barbanza e os lidiadores «de verdade», os do pobo, toureando os madrileños ese día con traxes de luces en detrimento das «simpáticas» chaquetas de mahón.

Non se ten referencia de que houbese máis festexos desta índole na vila de Porto do Son despois da Guerra Civil. Polo que estas achegas só fican no anecdotario sonense, que lembran uns poucos escollidos de avanzada idade, e a foto que se achega, que realizou o polifacético Domingo Fontán ao seu paso por esta localidade, algo que a moitos rapaces de hoxe lles parecerá ciencia ficción.

Esta entrada foi publicada en Ensaio, Patricia Torrado Queiruga. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>