Os elefantes de Sokúrov, de Antón Riveiro Coello

ElefantesconcapaAntonio Piñeiro. O inicio da lectura deste novo libro de Antón Riveiro Coello supuxo para min unha agradabilísima sorpresa pola presenza do espazo compostelán, máis que coma escenario, coma berce espiritual e colectivo, ou sexa, unha sorte de espazo fundador do ser que, no decurso, me trouxo esencias daquela Roma de Greenaway, no Ventre do arquitecto (…cantos máis edificios visito, cantas máis rúas paseo, máis preto creo estar dos seus segredos e maior é a sensación de habitar o seu espazo intemporal…). Tamén polo xiro co que Antón se decidiu aquí a tratar literariamente a memoria, esa viaxe que cada quen se relata a si mesmo ou a outros, e que non deixa de se revelar, na técnica de Antón, coma un dos mellores recursos para a suspensión da incredulidade. Un texto memorístico, malia ser ficción, ten sempre algo verídico, plausible, real. Unha realidade asequible. Antón Riveiro Coello tense demostrado un mestre niso. Téñoo escoitado en máis dunha ocasión pronunciar a palabra memoria para cualificala coma supercondutor literario.

Janis, unha moza cun traballo provisional debido ás circunstancias da crise, chega a unha encrucillada psicolóxica da súa vida, localizada arredor do triángulo da Praza de Cervantes, a Praza Roxa e o antigo Pombal; incluso, se apuramos, arredor dunha mesa da cafetaría A Gramola (Praza de Cervantes). Ese é o punto que vai concitar no seu “agora” (o tempo da novela) dous sentimentos: un cara ao pasado, para pescudar nos graves feitos que determinaron quen é; e outro cara ao futuro, a través da expectativa do amor que atopa no descoñecido que está sentado nunha mesa preto da súa.

foto Lorena pequenaA indubidable habelencia que ten Antón Riveiro para facer asequible, case coma parte da cotiandade, calquera sensación novelada, calquera espazo, calquera acontecemento, descrición, intre histórico ou circunstancia extraordinaria, resulta aquí novamente esclarecida polo manexo dun tema dos considerados coma de “inacción” cun ritmo tan elástico, tan adaptable aos momentos do relato, que chega deleitosamente a embriagar.

Un segundo aspecto de prezo é o xeito co que Antón constrúe (deixa que se constrúan) os personaxes. Constantino, Nela, Janis, Cristina, Roberto, mesmo a nai morta, falan reflectindo nos demais -en todo o demais- imaxes de si mesmos, coma nunha sorte de autorretratos proxectados e emocionais. Nin que dicir ten que, deste xeito, a novela ten tamén a cualidade de ser un mosaico psicolóxico, un mosaico das paisaxes interiores co que se van trazando o argumento, a historia de fondo, a cidade e a pingadela de circunstancias da nosa sociedade actual, moi acaída ao asunto, e que non vou enumerar por non afastar a reflexión do que ao lector lle interesa.

Así, a novela está estruturada en catro partes principais, das que primeira sería a construción do personaxe de Janis, a través dos personaxes dos maiores (memoria simbolizada) aos que coida. Paréceme precisamente a multifocalidade desta parte o mellor exemplo desta construción en espello. Riveiro utiliza habilmente a técnica indirecta de nos revelar os matices, as inclinacións, o carácter e ata o modelado memorístico de Janis a traves do que se reflicte nas anciás, en Constantino e ata na cadeira baleira que este deixa na cafataría.

GramolaNa segunda parte, a novela evoluciona sobre a construción do personaxe de Constantino a través dos espazos e sensacións da cidade de Santiago dende dous puntos de vista, o seu carácter icónico-histórico e a súa traída ao folio que escribe sobre o tapete da cafetaría A Gramola, onde tamén comeza esa historia -tenra, erotizada, pasional- de atracción mutua.

Na última parte, a cuarta (deixo a terceira para o remate) Antón devolve o protagonismo a eses dous personaxes principais, para nos conducir cara a unha resolución á que o lector se sinte impelido, abocado, e que deixa unha reflexión coa que Riveiro semella completar o libro tamén coma de obra de introspección: unha reflexión sobre o algo que cada quen pode ter de orfo da realidade ou da verdade.

Pero, sobre todo, diría eu que é na terceira parte, arredor dunha cea de Noiteboa, onde cómpre destacar a clave narrativa de todo o libro, disfrazada baixo esa axilidade da condución (fluída, sen omisións, ben artellada, procurada para o gran lector) que Antón adoita preferir e practicar.

marcapaxinas-elefantesAí é onde se percibe mellor esa presenza de varias voces que veñen dar ao lector os datos necesarios para entender e se posicionar diante do drama de Janis. A aparencia de sinxeleza da historia, algo só posible en traxectorias da solvencia de Antón Riveiro, non oculta o feito de atopármonos diante das dificultades que sempre entraña un esquema de perspectiva múltiple, de intercambio de voces narrativas. O escritor ten que cadrar eses rexistros nuns mínimos de soldaxe, de coherencia, e poucas veces, ao meu modo de ver, é tan fermosamente utilizado o recurso coma aquí. Son as distintas voces dos personaxes as que contan-xogan nesa dialéctica maior -coma de frases longas- dun drama no que o lector se atopará mergullado, envolvido e tamén protagonista. Antón pecha o círculo, coa cualificación de dez, sen sacrificar ningunha desas voces.

Os elefantes de Sokúrov chega coma unha novela para todo tempo, para o lector de pracer, de lecer e de coñecer. Os elefantes de Sokúrov chega para gustar e ocupar un lugar senlleiro no andel literario de quen é xa un dos autores de máxima referencia da literatura galega.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *