As boas intencións, de Amity Gaige

Buenas intenciones, Las_135X220Inés Otero. Esta é a turbulenta historia de Erik Kennedy –en realidade Schroder–  contada por el mesmo dende unha cela da penitenciaría de Albany. A partir dunha longa carta, dirixida á súa muller Laura, coa que está en trámites de divorcio, coñecemos os motivos que o levaron a secuestrar, aproveitando un permiso xudicial, a filla de seis anos, Meadow, coa que foxe polos lagos de Vermont durante seis días coma se fose o Humbert Humbert de Lolita ou un excursionista engaiolado polas paisaxes de Nova Inglaterra. A través desta extensa misiva, na que el se converte en protagonista e narrador, tamén coñecemos a súa dura infancia no arrabalde de  Kreuzberg, en Berlín Oriental, a súa estraña fuxida cara a Estados Unidos, en compañía do seu pai electricista, para instalarse nun barrio obreiro de Boston. E como se atopa a piques de concluír unha “investigación independente”, que oculta para realzar a intriga da novela, da mesma maneira que se nega rotundamente a falar da súa nai.

amity-gaigeA novela  –inspirada nun tal Clark Gerhartsreiter, que se fixo chamar Clark Rockefeller– contén diferentes recursos literarios: a narración da súa infancia alemá, descrita en miúdas notas á marxe, e referencias históricas vinculadas con algúns episodios recentes. Pero, sen dúbida, o máis interesante de As boas intencións (2015), terceira obra desta escritora de Carolina do Norte (1972), é o retrato que realiza dun home, algo retorcido, pero entrañable, atrapado polas súas fobias, vencido polos soños malogrados  e superado polo destino que o espreita nun territorio alleo,  o mesmo que o leva a presumir do seu “parentesco” cos Kennedy.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *