O abusón entre o centeo

salinger1X. Ricardo Losada. Creo que a todos os lectores nos decepcionou algunha vez un libro que a maioría de críticos considera unha obra mestra. A min pasoume varias veces pero poucas me doeu tanto como con O gardián entre o centeo de J.D. Salinger xa que é un libro que moitos profesores de Filosofía e Literatura utilizan con éxito en clase, e non é fácil atopar lecturas que cheguen aos alumnos. Lino aos vinte anos e prometín volver lelo máis adiante, pero nunca cumprín esa promesa, e cada vez que alguén me fala del limítome a dicir que agardo que me pase o mesmo que con Tiempo de silencio. Na primeira lectura non me gustou nada, pero nunha segunda encantoume.

salinger2O caso é que a semana pasada lin nun suplemento cultural un artigo sobre ese libro de Salinger no que dicía algo que diminúe as posibilidades de que volva lelo: “(…) Salinger escribe sobre los adolescentes, su rebeldía, su lucha por encontrar un lugar en el mundo, su miedo a crecer y a la vez su deseo de hacerlo. Porque Holden Caulfield, el protagonista, critica a los adultos, falsos, hipócritas o sencillamente imbéciles, mientras que aprecia a los niños, espontáneos, inocentes, generosos. Y por eso, lo que de verdad le gustaría es estar al borde del precipicio, al final del campo de centeno, para vigilar que los niños no caigan por él. Evitar que se hagan mayores. Pero eso es imposible, de ahí la crisis de Holden”.

Non sabería dicir se esa foi a causa da miña decepción, pero é moi probable. Se o famoso libro de Salinger é unha crítica ao mundo adulto por falso, hipócrita e imbécil, e unha reivindicación do mundo infantil por espontáneo, inocente e xeneroso, non me estraña que non me interesase nada. Os seres humanos somos por natureza falsos, hipócritas e imbéciles (nenos incluídos), e non o podemos remediar. Intentar construír unha sociedade con seres humanos honestos, sinceros e sabios sería como intentar crear un club de debate con leóns. Deberiamos conformarnos con vivir nunha sociedade na que seres humanos falsos, hipócritas e imbéciles viven cun mito común de honestidade, sinceridade e sabedoría, algo que nunca conseguiriamos se sempre fósemos nenos. Como dicía Nietzsche (el con admiración, eu non), o neno é “inocencia e esquezo, un novo comezo, un xogo, unha roda que bota a xirar espontaneamente, un movemento inicial, un santo dicir si”. salinger2 (1)Traducido a román palatino: os nenos son marabillosos porque non teñen prexuízos nin moral nin cargas sociais, tal e como, ao parecer, quería Holden Caulfield. Pois que queredes que vos diga. Cada vez que leo esa frase de Nietzsche recordo todos e cada un dos meus sobriños aos cinco anos. Xogásemos ao que xogásemos, se perdían cambiaban as regras a capricho, e sempre para favorecerse a si mesmos. Pode que Nietzsche considere tal cousa un novo comezo, unha roda que xira espontaneamente, un santo dicir si e un inocente esquezo, pero a min parécenme metáforas dun mundo ben pouco apetecible. Se de neno non vivise rodeado de adultos, sempre me vencerían, como quería Nietzsche, os nenos máis fortes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *