Tempos de plastilina

Mans
Mans

Xabier L. Marqués. Tempos de pensamento feble, sen alicerces, sen fundamento, sen ideoloxías que acubillen os que foxen na procura dun tobo, dun laño ou dunha trincheira ou, simplesmente, dun precipicio. Tempos de se acoirazar. Tempos sen firmeza. Tempos de baguettes, de pan reseso. Tempos para lle pór nome e apelidos ao inimigo. Tempos nos que agroman os delatores. Tempo nos que as dúbidas tremen na mesma onda na que oscila o medo. Tempos dos templos dos profetas. Tempos da CULPA esparexida entre a poeira dos relicarios. Tempos de xelatina. Tempos de  mediocres . Un mediocre ten tres trazos peculiares: o primeiro deles ten que ver coa súa (des)composición. Todo mediocre deixa un vestixio visguento, pegada que conforma un risco de babuxa imborrábel, non en ziguezague como a das caramechas, mais si como a merda dalgunhas bestas, constante. O segundo é que o mediocre ten moitos puntos en común co idiota e co parvo, só que cun matiz: o parvo non sabe que o é, o imbécil cre que non o é, namentras que o mediocre convive cunha permanente sospeita de selo (o que, na maioría das ocasións, convértese nunha certeza moi nidia). E esa certeza está xunguida a un terceiro trazo, o  consuetudinario: a facilidade que ten un mediocre para atopar outros e formar unha especie de secta cuxo chicote son as siglas e a simulación das súas identidades. Facilidade “aritmética” se se quere: 1+1+1… Febleza. Mediocridade. Crise?  A caída das nosas defensas habituais, ou crise, sitúanos cara ao baldeiro. E só nesas condicións o concepto de decisión abrangue todo o seu campo semántico. Contra Ignacio de Loiola: en tempos de crise Si debemos facer mudanza.

Tempos de espellos cóncavos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *