Dous Rinocerontes

yacoubianXerardo AgraFoxo. Grazas a Rinoceronte Editora podemos ler no noso idioma autores doutras xeografías literarias. Importantes obras que sen este importante proxecto cultural dificilmente chegarían ás nosas mans. Entre os últimos libros traducidos –sempre a partir da lingua orixinal– destacan dous:

O edifico Yacoubian é una novela do autor exipcio Alaa Al Aswany (1957). Publicada en 2002, converteuse nun fenómeno editorial no mundo árabe e foi rapidamente traducida a vinte linguas, ademais de adaptarse con éxito ao cine e á televisión. A tradutora é Fátima Tourari.

O pano de fondo desta historia é un dos edificios máis emblemáticos do Cairo. Por esta mansión desfilan representantes das diversas clases sociais: Kaki Bey O Dessouki, un aristócrata que utiliza a casa para os seus encontros sexuais; Taha, o fillo da porteira que, por culpa da marxinación, entra en contacto cun grupo radical islámico; Hagg Ezzam, un político corrupto; a fermosa Busayna, que sofre os abusos sexuais dos seus patróns, e Hatem, un xornalista homosexual cun estilo de vida occidental.

A novela –escrita cun ritmo áxil e constantes diálogos– é unha metáfora do país. A través das vicisitudes destes personaxes, vemos os problemas que asolan esta histórica rexión: o fanatismo, a falta de liberdade, a pobreza, a corrupción política, a discriminación da muller e a hipocrisía moral e relixiosa.

O rei branco é unha obra de  György Dragomán, un escritor e tradutor romanés (Transilvania, 1973) de fala húngara.  A novela foi traducida a trinta idiomas e gañou o prestixioso Premio Sándor Marai.   Esta versión galega é de Jairo Dorado Cadilla.

rei brancoA obra, ambientada na Romanía dos anos oitenta, narra a historia  dun neno de once anos. Djata contempla como a policía require a presenza do seu pai –un profesor universitario– nun centro de investigación. Só estará ausente unha semana. Pero o tempo pasa e o pai non volve, xa que foi internado nun campo de traballos forzados –a faraónica construción da Canle do Danubio-Mar Negro, en realidade, a única referencia histórica do libro– por opoñerse ao goberno comunista de Ceaucescu.

A través de 18 capítulos –sen diálogos, apenas adxectivos e extensos parágrafos–, o autor describe cun depurado estilo narrativo unha sociedade violenta, unha realidade dura e amarga, con profesores represores, compañeiros crueis e camaradas corruptos. Un mundo onde a resignación semella a única fórmula para vivir con dignidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *