Xerardo AgraFoxo. Hai uns anos un amigo pediume axuda porque quería escribir un libro onde se palpara o horror. Nese intre viñéronme á cabeza algúns dos autores clásicos do xénero, como Allan Poe, Lovecraft, Thomas Harris ou Ray Bradbury. Seguro que nalgúns contos destes escritores atoparía algo interesante. Pero desbotei a idea porque me lembrei dunha obra que lera por entón: GULAG, de Anne Applebaum. Nela cóntase polo miúdo como o Partido Comunista da Unión Soviética creou os campos de traballos forzados para illar os elementos disidentes e conseguir, asemade, unha masa de homes e mulleres que foron recluídos como escravos para levar adiante proxectos de envergadura como a canle do Mar Branco ou a explotación das minas de Kolimá.
Se este amigo ou calquera outro, me solicitase axuda agora polo mesmo tema, non tería a necesidade de recorrer a historias desenvolvidas a milleiros de quilómetros. Non tería que “viaxar a Siberia nin ás terras do Ártico”. Neste intre recomendaríalle o libro de Montse Fajardo titulado Un cesto de mazás (2015). Hai tantas historias abraiantes nesta excepcional obra que a mesma autora, nalgún dos 16 capítulos cos que conta os asasinatos cometidos pola represión franquista, ten a necesidade de explicar que “ás veces non podo crer as historias que me contan e póñome a escribilas temendo que pensedes que non son verdade”.
Pero todos sabemos que son verídicas. E tamén necesarias, dada a desidia da administración na recuperación da memoria histórica, para homenaxear as vítimas silenciadas. Repito, unha obra tan excepcional coma arrepiante e imprescindible. Parabéns á autora pola súa coherencia e valentía!