X. Ricardo Losada. Conta Gonzalo Rodríguez Mourullo que, cando o pai, alá nos duros anos da posguerra, quixo darlle a mellor educación posible en Santiago de Compostela, optou por un colexio de recente apertura e que tiña un pretensioso nome, Preceptoría San José. E que anos despois soubo que cando algúns dos máis conservadores fundadores dese colexio quixeron contratar un bo mestre, consultaron, como era habitual naquela época, co famoso padre Serrano, superior da residencia dos xesuítas en San Agustín e oráculo máximo da sociedade levítica compostelá. O padre Serrano aconselloulles que o buscasen entre os mestres represaliados da Guerra Civil, pois eran os mellores. Non tardaron en dar con don Jesús Pereira, mestre tan extraordinario, que Mourullo nunca entendeu como unha persoa tan bondadosa e de tan altas calidades pedagóxicas fose depurado de semellante maneira e acabase traballando nun comercio.
Recordei esa anécdota tomando un café o outro día con Pedro García Vidal, compañeiro meu no instituto de Espiñeira durante nove fermosos anos. Tres días despois remataba a súa carreira docente de case corenta anos, e xubilábase. Cando nos despedimos, tiven unha estraña e apesarada sensación. A próxima vez que vise a Pedro, xa non sería profesor. Sentino polos alumnos, e polo sistema público. Pedro sempre me recordara, polo seu amor polo ensino e pola súa humanidade, a aqueles mestres republicanos que non necesitaban elaborar programacións didácticas nin estándares de aprendizaxe para que os seus alumnos coñecesen, asimilasen e soubesen aplicar a súa materia a diferentes ámbitos da realidade cotiá. Tan bo mestre, que era inconcibible pensar que algún alumno lle reclamase algunha vez a nota.
Pedro fixo Maxisterio, Xeografía e Historia, é doutor e ten publicados varios libros e ducias de artigos en diferentes medios. Pero, a diferenza de moitos académicos e reputados escritores e doutores que traballan en Secundaria, nunca antepuxo os seus intereses particulares aos intereses do ensino público. Só recorría a días e horas de asuntos propios cando realmente os necesitaba, preparaba as clases con rigor, ensinaba con paixón (ata os alumnos de Ciencias puras se matriculaban en Xeografía e Historia de Galicia), preocupábase por todos os alumnos e mostraba unha humanidade que, por ser xenuína e auténtica, propia da súa máis íntima e sincera subxectividade, os alumnos percibían como obxectiva, sen necesidade de cuantificacións milimétricas ou porcentaxes estatísticas. O mellor que se pode dicir de Pedro é que foi querido e admirado por todos os seus alumnos por actos que levou a cabo a cotío durante corenta anos sabendo que nunca serían titular dun periódico nin méritos dun concurso de traslados ou dunha nómina. Sei que el seguiría traballando encantado no ensino algúns anos máis, pero os cambios lexislativos e a incerteza poslaboral que nos asola, decantárono por xubilarse. Por iso, aínda sabendo que nada ten que ver, e que estou esaxerando, direino. O outro día, cando me despedía del, sentín que había algo de represaliado no Pedro García xubilado.
Chelo. A miña pequena homenaxe a Pedro
Recordo a Pedro nos seus primeiros tempos de ensinante cando aínda era docente de Preescolar porque tiven a sorte de facer as prácticas con el.
Naquel monento eu era unha simple estudante de Maxisterio e deixou a clase nas miñas mans, explicándome antes a súa forma de traballar. Podo confirmar o seu amor pola súa profesión, a súa capacidade de innovación e o respecto que mostrou cara a min.
Os métodos didácticos que están hoxe presentes na etapa, chamada agora Educación Infantil, formaban xa parte da súa pedagoxía hai trinta anos.
Xa o botan en falla os que poderían ser os seus alumnos pero estou segura de que como investigador quédalle moita traxectoria.
Non necesito ir ao dicionario, amigo Moncho, acepto a emenda.
O mestre Antonio Gutiérrez de Velasco dicía con orgullo que tivera dous alumnos excepcionais e que, casualmente, coma el, colaboraban na Voz: Xerardo Agrafoxo e Pedro García Vidal. Tiven o privilexio de coñecer aos tres e de experimentar a súa paixón por divulgar os seus coñecementos. Disque Pedro se xubila? Se vas ao diccionario e les o significado de xubilarse darastes conta de que é incerto: Pedro cambia de aula e de alumnos, pero seguro que vai seguir ensinando, ensinándonos, a nós, a todos, os seus outros alumnos, como fai Xerardo, como fixo Don Antonio.